xoves, 7 de febreiro de 2013

Masiva protesta estudantil que a Xunta cualifica de "erro" e "engano"

Éxito na xornada de folga xeral no ensino de Secundaria e Bacharelato en Galicia. O paro convocado, entre outros, pola Liga Estudantil, os Comités e o Sindicato de Estudantes -este último xa desde o pasado martes- deixou sen case actividade a maioría dos centros públicos do país, onde tamén se rexistraron 25 manifestacións que xuntaron milleiros de mozos protestando contra a Lomce e os continuos recortes en Educación que leva aplicando o Goberno do PP. Malia todo, o conselleiro de Educación da Xunta, Jesús Vázquez, cualificou a folga de "erro" e instou os convocantes a "non confundir nin enganar" a cidadanía".

Segundo os primeiros datos das organizacións estudantís, o seguimento do paro no ensino medio nas principais cidades acadou o 90%, aínda que foi menor nas áreas rurais. En canto á folga nas universidades, cuxos alumnos estaban convocados tamén a apoiar as protestas, as cifras sitúanse nun 70%, aínda que con seguimento desigual e moito máis acusado na de Santiago de Compostela.

Entre berros de "menos sobres e máis educación", "a Lomce é a lei do opus dei" ou "esta reforma ímola parar", milleiros de estudantes saíron ás rúas das principais cabeceiras de comarca de Galicia para amosar o seu rexeitamento a unha reforma educativa que cualifican de "elitista, recentralizadora e ideolóxica" e que contou co apoio de varios representantes da oposición parlamentaria en diversas cidades. As urbes volveron acoller as maiores mobilizacións, especialmente as de Santiago, A Coruña e Vigo, e en todas elas se reclamou tamén a dimisión do ministro José Ignacio Wert.

Así e todo, a Xunta volveu censurar a mobilización. "É un erro e é incongruente que os que abandonan a mesa convoquen a protesta", asegurou, no entanto, o conselleiro en referencia ás negociacións da Lomce, tamén coñecida como Lei Wert, e que recibiu tamén as críticas do profesorado e das asociacións de pais e nais. Así, Jesús Vázquz chamou a recuperar o "diálogo", xa que, ao seu entender, o que se persegue coas protestas "son outras cuestións". "As formas de actuar non son as correctas", asegurou respecto da actitude dos sindicatos estudantís.









Ningún comentario:

Publicar un comentario