xoves, 14 de febreiro de 2013

Un manifesto pídelle a Feijóo que "non leve o galego ao Tribunal Supremo"

Persoeiros do mundo académico e da cultura veñen de presentar publicamente un manifesto no que rexeitan o recurso que prevé presentar a Xunta contra as sentenzas xudiciais que invalidan o cerne do decreto do plurilingüismo, e no que solicitan que o Goberno galego "acate o ditame do TSXG". "Feijóo non debe levar o idioma galego ao Tribunal Supremo", reclámanlle ao presidente do Executivo, ao que acusan de "botar máis leña ao lume".
O manifesto foi asinado inicialmente por ao redor de 200 persoas, representantes de distintos ámbitos sociais e políticos do país, e agora os seus promotores piden que todas as persoas que se queiran unir á súa reivindicación o fagan a través dun formulario de adhesión que veñen de publicar. Entre os primeiros apoios que recibiu o texto hai profesores universitarios, empresarios, avogados, editores, escritores e representantes de PSdeG-PSOE, AGE, BNG e CxG. A presentación tivo lugar na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela.
O profesor Henrique Monteagudo, un dos promotores da iniciativa, manifestou que se finalmente o Goberno da Xunta decide dar o paso "sería un paso de difícil retorno" e o Executivo "arriscaríase a quedar en ridículo" se o Tribunal Supremo ratificase a sentenza do TSXG. Todas as intervencións fixeron fincapé en que este texto quere aunar a presión cidadá para obrigar o presidente Feijoo a reconsiderar a súa posición: "Estas sentenzas do TSXG deben ser vistas polo Goberno galego como unha oportunidade para volver ao consenso", afirmou neste senso Mariló Candedo, que apostou por "sacar a lingua do terreo xudicial".
A este respecto Alba Nogueira engadiu que "a xudiciliación dos temas sempre revela un fracaso". Nogueira, ademais, considera que sería unha moi boa nova que a cuestión lingüística se afastase dos xulgados para quitarlle de enriba ao galego ese aspecto de conflitividade e restarlle eses prexuízos". Finalmente, os promotores do texto apostaron por unha remuda xeral do decreto de plurilingüismo: "isto non se amaña remedando un par de artigos: cómpre un novo decreto de consenso", afirmou Valentina Formoso, coordinadora xeral da CGENDL. Na presentación anunciouse tamén que se solicitou unha entrevista co presidente da Xunta para exporlle as razóns nas que se sustenta este chamamento e para solicitarlle que non leve a sentenza do TSXG a prol do galego até o Supremo.

"O que Galicia precisa é un presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións"

O texto critica que a Xunta "condicione a non presentación ou retirada do recurso a que os recorrentes e a oposición acepten a proposta do presidente para que dean aval ao decreto do pluriilingüismo". Ademais, os asinantes consideran "lamentable" que o Executivo e o PP "non tirasen as conclusións derivadas" das sentenzas do TSXG, en tanto que estas "desautorizan aspectos básicos dun decreto no seu día aprobado pola Xunta a pesar dos informes negativos do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar e o Consello Consultivo".
"Agora, no canto de aproveitaren a ocasión para reconducir unha liña de deslexitimación, desoficialización e desprestixio do idioma do país (e de paso, da propia autonomía e as súas institucións), o Partido Popular e o goberno de Feijóo teiman en botar máis leña ao lume", di o manifesto, no que se considera "incomprensible" que o presidente da Xunta "pretenda condicionar unha rectificación imposta xuridicamente polo TSXG a que as partes interesadas dean o seu apoio a un decreto desaxeitado, que xa foi descualificado polas devanditas institucións así como pola maioría dos expertos e da comunidade educativa, ademais de contestado masivamente pola cidadanía".
Así e todo, no texto os asinantes cren que "o que provoca escándalo" é que o Executivo do PP, "escudándose nos resultados electorais, como se estes validasen calquera decisión, e nunha adaxe xurídica, xa que o recurso ao Supremo pecha a vía xurisdicional", pretendan "que un tribunal alleo a Galicia dea a última palabra nunha materia xa xulgada polo TSXG e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía".
 "Acaso o goberno pretende pasar unha outra lexislatura enredando en leas que só deitan máis prexuízos para o galego no canto de exercer as competencias que o obrigan en materia de defensa e promoción do idioma galego?", pregúntanse, logo de reivindicar que o que lle "corresponde" á Xunta é "seguir as recomendacións do propio TSXG verbo do cumprimento das previsións de avaliación da competencia lingüística do estudantado, adaptando a presenza das linguas á obriga de garantiren igual competencia das dúas linguas oficiais".
"O que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004", engade o texto, que aclara que esta mesma Cámara pode ser "un lugar apropiado para fraguar as bases para tal consenso, non o Tribunal Supremo con sede en Madrid".
"O que Galicia precisa é un presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións, que crean no autogoberno e que miren por riba de todo polos nosos intereses colectivos", piden os asinantes, que reclaman a Feijóo que "renuncie de vez a continuar cun obsceno xogo partidista -ou peor aínda, personalista- a custa do noso idioma e da nosa dignidade". "A Xunta de Galicia cometería unha infamia arrastrando o idioma galego ao Tribunal Supremo", rematan.


Ningún comentario:

Publicar un comentario