Colectivos sociais, concellos e centros de ensino prepáranse para
conmemorar o máis multitudinario Día de Rosalía. A Asociación de
Escritores en Lingua Galega (AELG) botou a andar unha convocatoria
colectiva que terá o seu acto máis solemne o día 24 en Bonaval. A
república das letras pídelle á cidadanía que se agasalle cun libro e
unha flor no Día de Rosalía.
Durante toda a semana mais de maneira especial nas vesperas do día,
centros de ensino, concellos e asociacións conmemorarán o Día e Rosalía
na que promete ser unha convocatoria multitudinaria. Así está a ser a
resposta á convocatoria da AELG para que arredor da data do nacemento da
escritora tivera unha especial relevancia social, de maneira singular
no ensino.
Dúcias de centros educativos anotáronse xa para
participar nas lecturas colectivas da obra de Rosalía nesta edición de
especial relevancia ao se cumpriren 150 anos da publicación de “Cantares
Gallegos”, o primeiro libro escrito integramente en galego que marca o
renacemento da nosa literatura e está considerado fundacional nas letras
galegas contemporáneas. Será o venres 22 de febreiro o día lectivo
elixido para que os centros de ensino inclúan na súa xornada actividades
especiais como lecturas e gravacións audiovisuais, das que se fará eco a
páxina web da AELG coa idea de darlle visibilidade social. Imaxinativas
propostas están a chegar á asociación de centros nos que o alumnado
participará de maneira especial. Ábrese con este fin a sección “Poemas
soltos” onde se deitarán as gravacións en vídeo dos poemas.
Para o
sábado día 23, a partir das sete da tarde, cidades, vilas e locais de
asociacións e entidades serán o escenario para as lecturas de poemas de
Rosalía, estendendo a conmemoración a toda a cidadanía nunha festa
colectiva para honrar á poeta. A AELG elaborará un manifesto
conmemorativo para estes actos cívicos. A Biblioteca do Centro Ágora na
Coruña, a Libraría Couceiro en Santiago, o Marco en Vigo ou o Refectorio
do Museo Provincial en Lugo, o Salón de plenos de Cangas, a Casa da
Cultura de Noia ou o Café Comercial en Madrid son algúns dos lugares nos
que xa se prepara o acto público do sábado ao serán. As asociacións e
colectivos culturais están a ter un especial protagonismo na
organización destes actos que procuran unha lectura expansiva e
colectiva da obra de Rosalía por todo o país. Varios concellos sumáronse
tamén á convocatoria, organizando actos institucionais na memoria da
escritora.
Acto poético nacional en Bonaval
O
domingo día 24, data do aniversario de nacemento de Rosalía, a AELG
centrará a atención no Panteón de Galegos Ilustres, onde está soterrada a
escritora. Alí hase de desenvolver un acto nacional con lectura de
poemas de “Cantares Gallegos”, alén dunha ofrenda floral.
A AELG
agarda que a cidadanía responda ao seu chamamento agasallando cun libro e
unha flor na conmemoración do nacemento da escritora fundadora da
literatura galega contemporánea. A Asociación Cultural Vagalumes, xunto
coa Sociedade Cultural Medulio, organizan o domingo 24 ás 19.00 horas na
Estrada un acto sob o rótulo de "Unha escenificación dunha viaxe pola
obra de Rosalía de Castro".
Recitais, poesía e música
A poesía e a música
pairarán por todo o país arredor do día do nacemento da grande
escritora e, desta maneira, actos conmemorativos terán lugar organizados
por distintas entidades que se suman neste ano especial a festexar o
aniversario do nacemento de Rosalía.
A Asociación Cultural
Alexandre Bóveda da Coruña convoca para o venres 22 de febreiro un
maratón de lectura e unha charla sobre Rosalía que comezará ás 18.00
horas.
Tamén o día 22 ás 20.00 horas, o Teatro Principal de
Pontevedra abrirase para acoller os poemas de Rosalía a ritmo do rap de
Aid e o blues de Sés na homenaxe que a Concellaría de Cultura da cidade
lle rende á escritora, un acto literario e Musical que conducirá Comba
Campoy e contará coa participación das poetas Elvira Riveiro, Rosalía
Fernández Rial e Marga do Val, alén do escritor e presidente da
Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
O xoves 28, os Comités Abertos de Vigo preparan un recital ás 20.30
horas co apoio de Trabalingua e a Área de Normalización Lingüística da
UVigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario