Máis de cen centros de ensino responderon á chamada da AELG e están a
organizar hoxe sexta feira recitais poéticos arredor da obra de Rosalía
de Castro. Asociacións e concellos súmanse mañá á festa Rosaliana que
rematará o domingo, aniversario do seu nacemento, no Panteón de Galegos
Ilustres nos actos organizados pola Asociación de Escritores.
Por todo o país e destinado a todas as xeracións. Así foi a festa de
tres días que preparou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e que
hoxe, día lectivo, está a se desenvolver en máis de cen centros de
ensinos que remitiron á entidade as súas propostas de actividades para
hoxe. Recitais poéticos, proxectos audiovisuais e literarios son as
principais iniciativas das que a web da AELG se fai eco e recolle
para mostrar a dimensión social da conmemoración e o dinamismo das
novas xeracións á hora de facerlle a Rosalía a súa festa de aniversario.
Neste sentido, a secretaria xeral da AELG, convida a través dun artigo
en Sermos a converter a Rosalía en trending topic co hastag #Díade
Rosalía.
A ritmo de rap e blues soarán hoxe tamén os versos de Rosalía en
Pontevedra, no espectáculo "Rosalía Agora" que prepara a Concellaría de
Cultura da cidade no Teatro Principal para as 20 horas. Aid e Sés porán a
música nun encontro conducido por Comba Campoy e no que recitarán os
seus versos Marga do Val, Rosalía Fernández, Elvira Ribeiro e Anxo
Angueira.
Tamén o sábado será día rosaliano e arredor de corenta concellos e
asociacións preparan a súa celebración polo país enteiro, alén doutras
localidades do exterior como Madrid ou Bruselas. Roteiros, recitais e
conferencias terán lugar con distintos formatos a través de todo o
territorio galego.
A AELG pechará as tres xornadas de actos o día do aniversario da
escritora, cando no Panteón de Bonaval se lle renda a homenaxe máis
solemne con recital poético, a intervención do coro de Solfa, unha
ofrenda floral e a lectura dun manifesto no que se reivindica a figura
de Rosalía e a apertura pública do espazo no que está soterrada.
Nese día a Fundación Rosalía e a Academia desenvolverán tamén actos
institucionais na Praza de Vigo de Compostela e na Fundación Rosalía de
Castro en Padrón, nunha xornada que comezará coa Alborada a soar polo
país enteiro da man da iniciativa promovida pola Asociación de
Gaiteiros.
"Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva"
A
proposta tamén da AELG, un grupo de escritoras, con convocatoria a
través das redes sociais, elaboraron un video colectivo que ten como
obxectivo "seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora
ao recitar os seus versos desde o presente". A cineasta Raquel Rei
encargouse de editar e montar as imaxes nas que participaron, entre
outras, Mónica Caamaño, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Teresa
Seara, Helena Villar Janeiro, Xulia Alonso, Eva Veiga, Yashmina Shawk,
Begoña Paz, Mónica Bar, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Inma López Silva,
Estíbaliz Espinosa, Laura Bugalho, Rosalía Fernández Rial, Verónica
Martínez, Rexina Vega ou Comba Campoy.
Ningún comentario:
Publicar un comentario