"Roberto Vidal Bolaño, vida e morte do teatro profesional en Galicia.
Ese, se ninguén o evita, podería ser o titular deste ano, xa que Roberto
viu nacer o teatro profesional e este ano, moi vencellado a súa figura,
ese tipo de teatro pode desaparecer". Non podía ser doutro xeito. A
situación crítica que viven as artes escénicas non ía pasar
desapercibida na presentación de onte en Santiago da Asociación Cultural
Roberto Vidal Bolaño, colectivo sen ánimo de lucro que ten como
obxectivo defender e reivindicar a obra do dramaturgo neste 2013 no que
se lle dedican as Letras Galegas e tamén de cara ao futuro. Non podía
ser doutro xeito e foi a voz do actor Antonio Durán Morris que, en
representación da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG),
falou na presentación e puxo o punto máis reivindicativo no acto que se
desenvolveu no Teatro Principal. "Roberto é, se non o pai, un dos pais
do teatro profesional. E agora temos por diante un ano no que se lle vai
dedicar a el as Letras Galegas e no que o seu discurso ten que se
contaxiar. Porque, en definitiva, Vidal Bolaño tiña moito que ver coa
discusión e coa dignidade da profesión", sentenciou Morris nun acto
presentado polo xornalista e crítico literario Camilo Franco.
Foi precisamente xornalista quen se encargou de presentar a todos e
cada un dos participantes dunha presentación que comezou coa lectura dun
manifesto. "Nós non o imos chamar así, chamádeo vós así se queredes,
pero a nós parécenos un nome moi grande", asegurou Camilo Franco antes
de lle dar paso a Antón Dobao, quen leu un documento no que se destacou a
influencia de Vidal Bolaño no teatro do país e tamén nos seus
profesionais e a actualidade da súa escrita. "Case cada unha das súas
palabras cobra hoxe unha vixencia invasiva. Estamos a vivir o tempo dos
derrotados", leu Antón Dobao un manifesto -nós ímonos permitir chamalo
así- no que se definía ao dramaturgo coma un autor "heterodoxo" e "non
canónico".
"Roberto era un broncas"
Acto seguido tomaron a palabra dous representantes do que se fixo
chamar no seu momento o colectivo Land Rover, constituído polos
primeiros programadores culturais dos municipios de Galicia. "Cando os
concellos botaron a andar, contratouse xente para ese ámbito novo da
cultura, os que traballamos nese sector tiñamos que facer de todo, por
iso decidimos chamarnos como o todoterreo", explicou un deles, Luís Rei,
quen explicou que "as Letras Galegas para Vidal Bolaño eran
necesarias". O outro representante dese colectivo, Luciano Fernández,
centrouse nas calidades humanas e intelectuales do homenaxeado o 17 de
maio. "Vidal Bolaño era un xenio. E ademais de ser un xenio, era un
broncas. E estamos moi necesitados de moita bronca", explicou.
A actriz Laura Ponte foi a encargada de realizar un breve percorrido
pola traxectoria vital do autor dramático. Nese senso, lembrou os seus
comezos no audiovisual da man da equipa Lupa alá polo ano 72, antes de
se dedicar ao teatro e fundar a compañía Antroido, xunto a Xaquín García
Marcos. Ademais, Laura Ponte adiantou o regreso desa formación teatral
cun novo espectáculo, titulado Bailadela, no que se recuperan
un total de seis personaxes femininos da abondosa obra de Roberto Vidal
Bolaño. "Estará coproducido polo Centro Dramático Galego e queremos
propoñer un teatro de reflexión, con novas voces e novas formas",
detallou a intérprete algúns aspectos
E precisamente o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede,
tamén subiou ao escenario para lembrar a súa antiga etapa (1991-2004) no
cargo que ocupa hoxe e a súa relación con Vidal Bolaño naqueles
momentos. "Coñecémonos en 1974, convivimos case trinta anos e nese tempo
tivemos moitas discusións e varias desavinzas. Pero Roberto tiña clara a
certeza de que os dous habitabamos o mesmo escenario: facer medra o
teatro galego", sinalou Guede, quen tamén explicou que con Vidal Bolaño
vivíranse "momentos estalares" do Centro Dramático. Guede referíase aos
"pedrayazos", as adaptacións de dous textos de Otero Pedrayo: Rosalía e Xelmírez.
"Rodrigo Roel dixérame que eu a Roberto encargáballe os 'coñazos'. E
dalgún xeito era verdade, porque eran textos duros de roer. Pero el
tratábaos como material de ourive e acaba facendo grandes xoias",
explicou o director do CDG, quen asegurou que o escritor fora "o mellor
que lle pasou ao teatro galego".
Manuel Guede e Vidal Bolaño coñecéranse nos anos setenta en
Ribadavia, seguramente o berce do teatro galego contemporáneo. E, como
non podía ser doutro xeito, o seu director actual, Roberto Pascual,
participou tamén nesta presentación. Pascual destacou a implicación do
homenaxeado coas novas fórmulas e os novos talentos. "Era un fiel
espectador do teatro universitario, moi preocupado pola formación",
explicou un Pascual que tamén destacou a relevancia de Abrente. "En
Abrente naceu o debate, o encontro a xuntanza, o verbo sen tabú, mesmo
excesivo. En Ribadavia naceron os rudimentos dunha profesión
autodidacta. Roberto estivo comprometido con todo iso, co debate, coa
ágora que é o teatro", sentenciou.
"Home audaz" e "os seus valores"
O teatro de bonecos tamén estivo presente no acto fundacional da
Asociación Vidal Bolaño da man de Jorge Rey quen, con devoción, definiu o
dramaturgo como un "home audaz". Ademais, destacou del que fora o
realizador do "primeiro espectáculo de bonecos para adultos" e
reivindicou, unha vez máis, os valores do escritor, que "deben ser
recuperados neste ano".
Finalmente tomaron a palabra os dous presidentes da organización. Por
unha banda, o de honra, Manuel Quintás, quen leu varios textos sobre a
visión teatral e vital dun Vidal Bolaño, cuxos textos dramáticos son,
aos seus ollos, "a vida mesma" e que o autor é, puramente, "o teatro
galego". Pola súa banda, a presidente da entidade, Belén Quintáns, falou
da "honra" e "responsabilidade" que significa para ela ser a
responsable de coidar o legado de Vidal Bolaño. Tamén quixo agradecerlle
a todos os asistentes a súa presenza e, aos compañeiros de asociación, a
súa complicidade con Roberto. Especialmente a Manuel Guede e a Morris, a
quen culpou de que finalmente as Letras Galegas ofrecesen o seu tributo
ao escritor. "Morris é o culpable de toda esta gran lea, polas súas
palabras na entrega dos Premios Mestre Mateo", explicou Quintáns, en
referencia á gala dos premios do audiovisual galego, cando Morris
reclamou o 17 de maio para Vidal Bolaño ao recibir o premio ao mellor
actor. Premio, por certo, que acadou pola película Doentes, adaptación cinematográfica dirixida por Gonzalo Balza da obra homónima do dramaturgo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario