A CIG sinala que estes milleiros de sinaturas amosan que o profesorado
rexeita unha lei “mercantilista e reaccionaria, recentralizadora e
españolizadora, elitista e clasista, agresiva co profesorado,
antidemocrática, reforzadora da confesionalidade e contraria ao ensino
laico”.
A CIG-Ensino entregou esta
segunda feira no Rexistro da Xunta un total de 10.172 sinaturas de
docentes recollidas nos centros de ensino, e dirixidas ao conselleiro de
Educación. Milleiros de rúbricas coas que o profesorado galego, indican
desde a central nacionalista, mostra o seu rexeitamento á Lomce.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirmou que a LOMCE
é “auténtico cianuro” para o ensino público galego e pediu a súa
retirada por tratarse dunha “contrarreforma involucionista e regresiva”.
Para os asinantes, esta lei pretende un sistema educativo cada vez
menos equitativo, que pon en xogo o dereito universal á educación,
desbotando a igualdade de oportunidades e negando o dereito a ter un
ensino público galego científico e laico que teña como función
primordial a formación integral e crítica do alumnado e a eliminación
das desigualdades sociais.
“É unha lei que responde aos mandatos da patronal do ensino privado
concertado e da propia cúpula eclesiástica. Reforza a confesionalidade
do sistema educativo e o papel da relixión, que pasa incluso a
condicionar os horarios doutras materias”, acrecentan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario