Unha suba no medio da escaseza. As partidas dos Orzamentos Xerais da Xunta para fomento do galego perderon sete de cada dez euros dende o regreso do PP ao poder.
Como detallou Praza Pública, estes programas de investimento pasaron de
teren asignados 21,7 millóns de euros en 2009 a 7,5 millóns en 2013.
Isto significa que, fronte á caída xeral das contas públicas do Goberno
galego "a niveis de 2006", as partidas para promocionar a lingua propia
desplómanse moito máis, xa que nese ano o fomento do galego contaba con
14,5 millóns máis. Pero neste contexto de duras retalladas semella que a
Consellería de Educación está a optar por facer unha excepción nas
achegas para proxectos de fomento do galego no ensino privado.
Malia ter un discreto financiamento, o certo é que a orde de subvencións
"para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos
centros de titularidade privada" para ensino non universitario no curso
2012-2013, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), chega cunha suba. Segundo
consta nesta orde, asinada polo conselleiro Jesús Vázquez, o crédito
asignado para financiar estes proxectos é de 22.600 euros. Esta
cantidade, minúscula se é comparada coas magnitudes orzamentarias
totais, é menos reducida que hai un ano. Concretamente, é un 25% máis
que na convocatoria de subvencións do curso 2011-12, cando Educación
dotou estas axudas con 18.000 euros.
Se cadra, a suba deste curso pretende compensar parcialmente o recorte aplicado no curso pasado, xa que eses 18.000 euros foi o que quedou tras retirar 32.700 euros da orde de subvencións a respecto do curso 2010-2011,
cando o departamento de Vázquez asignou 50.700 euros para esta partida.
Así e todo, esa retirada de fondos sitúase nunha porcentaxe do 64%,
isto é, a tesoirada é seis puntos porcentuais menor que a sufrida polo
conxunto de partidas destinadas a fomentar o galego non só no ensino,
senón no conxunto de actividades e sectores do país.
Para repartir estes cartos a Xunta terá en conta criterios como o "grao
de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto", o "nivel
de orixinalidade nas propostas" ou o "nivel de utilización de novas
tecnoloxías". O "financiamento máximo" que recibirá cada centro será de
150 euros, en colexios con menos de 25 alumnos e alumnas, 300 euros,
para os que teñan unha matrícula de entre 25 e 50 rapaces e rapazas, e
de ata 800 euros para un alumnado de máis de 50 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario