Un grito percorre á comunidade dos filósofos: Quen teme a filosofía? É a
pregunta perplexa dun colectivo que ve ameazado o seu futuro
profesional e a supervivencia das facultades de filosofía, e que ve
cuestionado o seu traballo de tanto tempo contra o tópico de que a
filosofía non serve para nada. Até o de agora era a ignorancia o que se
opoñía á filosofía, a ignorancia e o economicismo reinante. Pero agora,
se se mantén a LOMCE nos termos actuais, será o propio sistema, a
cultura oficial, quen confirme a validez do tópico e desacredite
finalmente o traballo dos filósofos. De aí a desolación da
filosofía, e a pregunta de quen debe cargar coa responsabilidade de
semellante desatino. Que lle teme entón á filosofía?
Á filosofía témenlle algúns dos discursos de éxito na sociedade actual: o
discurso da redución da complexidade da vida a consignas e fórmulas
baleiras, e o da fragmentación dos saberes en compartimentos sen
relación. A filosofía témea tamén o discurso da manipulación das
conciencias e da docilidade social, en definitiva o discurso do poder.
Sempre foi así, e agora quere poñerse negro sobre branco na lei que
regule o sistema educativo.
Unha redución do 66% na asignación horaria das materias de
filosofía vai contra todas as recomendacións internacionais e a práctica
dos países con mellores índices de éxito educativo. Xunto á
desaparición da ética e da educación para a cidadanía, a devaluación da
historia da filosofia a unha simple optativa é especialmente grave, e
sen embargo está invisibilizada por outras problemáticas, como o modelo
lingüístico e o status da relixión, con máis presencia mediática e sen
dúbida maior rendibilidade política. Esquécese que só a filosofía pode
procurar unha visión integradora do coñecemento humano e das relacións
entre ciencia, política e historia no devir das sociedades.
O retroceso xa se viña producindo tras cada reforma educativa. Cando
a literatura universal é case unha reliquia nos plans de estudo e os
programas de historia están cada vez máis condicionados polas
identidades nacionais e os intereses políticos, xa só quedaba a
filosofía para comprender a evolución do pensamento humano. Agora iso só será para os privilexiados e para os escasos entusiastas vocacionais.
A filósofa Marta Nussbaum, Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais 2012, alertou
hai pouco de que unha educación na que as humanidades non ocupen o seu
lugar producirá “xeracións enteiras de máquinas utilitarias”.
Quizá se trate diso. Sen filosofía non haberá claves de acceso ao mundo
da cultura e seremos máis dóciles e conformistas. Seremos cada vez máis o
soño perfecto de calquera réxime totalitario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario