O manifesto que lle pide a Feijóo que "non leve o galego ao Tribunal Supremo"segue sumando apoios, unha semana despois de ser presentado.
O texto conta co apoio dos órganos executivos de PSdeG-PSOE, AGE, BNG e
CxG e tamén recolleu as sinaturas de representantes de numerosos
colectivos, entre os que destaca a gran presenza de avogados e
xuristas. Alfonso Álvarez Gándara, Carlos Aymerich, Xosé Luís Barreiro
Rivas, Xosé Manuel Beiras, Fermín Bouza Álvarez, Manuel Bragado, José
Ángel Brandariz, Francisco Caamaño, Iolanda Díaz, Agustín Fernández,
Lourenzo Fernández, Francisco Jorquera, Xoán Bascuas ou Suso de Toro
figuraban xa entre os primeiros asinantes.
Nos últimos días incorporáronse outros nomes, coma o director
da editorial Galaxia, Victor Freixanes, o presidente da AELG, Cesáreo
Sánchez, o presidente de AGAL, Miguel Penas, ou os de Helena Gómez
Vecino e Lois Uxío Taboada, presidenta e secretario da CONFAPA-Galicia. Ademais, incorpóranse numerosos concelleiros, profesores universitarios e xornalistas. O texto seguirá sumando apoios
ao tempo que concerta entrevistas cos propios responsables da Xunta de
Galicia para instalos a que non recorra as sentenzas do TSXG que botan
por terra boa parte do Decreto de Plurilingüismo aprobado en solitario
polo Partido Popular.
O texto critica que a Xunta "condicione a non presentación ou retirada
do recurso a que os recorrentes e a oposición acepten a proposta do
presidente para que dean aval ao decreto do pluriilingüismo". Ademais,
os asinantes consideran "lamentable" que o Executivo e o PP "non tirasen
as conclusións derivadas" das sentenzas do TSXG, en tanto que estas
"desautorizan aspectos básicos dun decreto no seu día aprobado pola
Xunta a pesar dos informes negativos do Consello da Cultura Galega, a
Real Academia Galega, o Consello Escolar e o Consello Consultivo". Os
asinantes denuncian o "escándalo" que supón que o Executivo do PP
pretenda "que un tribunal alleo a Galicia dea a última palabra nunha
materia xa xulgada polo TSXG e que o Estatuto de Autonomía de Galicia
reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía".
Ningún comentario:
Publicar un comentario