O PSOE lanzará este mércores unha ofensiva
parlamentaria en contra da "subordinación da escola pública á privada" a través
da defensa dunha interpelación urxente no Congreso, así como de dúas preguntas
ao titular de Educación na sesión de control ao Executivo na Cámara Baixa.
Así, o voceiro socialista de Educación no Congreso, Mario Bedera, interpelará
no Pleno ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, sobre
as intencións do Goberno respecto da reforma do sistema educativo. Bedera denunciará que o proxecto de reforma no que traballa o Goberno "rompe co principio de igualdade de oportunidades" e é "claramente nocivo, segregador, elitista, recentralizador e confesional".
Ao seu xuízo, a reforma educativa responde a unha "profunda contrarreforma ideolóxica", á parte de que "se está a facer de costas á comunidade educativa" e "sen o consenso das comunidades autónomas".
Con iso, os socialistas cren que a reforma do ministro Wert "non" axuda a combater o fracaso escolar", senón que supón "o retorno a un sistema educativo que segrega os alumnos a idades cada vez máis temperás, recuperando as antigas reválidas despois de cada etapa educativa".
Na súa opinión, o Goberno quere impoñer un modelo de educación dual no que o determinante será a renda familiar, rematando coa igualdade e dificultando o acceso e a permanencia dos mozos no sistema educativo.
Respecto á memoria económica do proxecto, o PSOE critica que esta contempla menos programas de apoio escolar, conxelación da oferta de prazas de 0 a 3 anos, unha diminución adicional de profesorado e financiamento de colexios que segregan por sexos.
Por outro lado, o deputado socialista Federico Buyolo cuestionará a Wert na sesión de control ao Executivo sobre se o Goberno pensa que a súa reforma educativa aposta pola educación pública, ao mesmo tempo que o deputado César Luena, lle preguntará cal é a súa opinión acerca de se a súa política de bolsas favorece a igualdade de oportunidades.
Dende o Grupo Popular, a voceira en materia de Universidades no Congreso, María Jesús Moro, interpelase igualmente a Wert sobre cal é a valoración que realiza o Ministerio sobre o informe do sistema universitario español, elaborado pola comisión de expertos para a Reforma do Sistema Universitario Español.
Ningún comentario:
Publicar un comentario