xoves, 31 de xaneiro de 2013

A Mesa pola Normalización Lingüística recibiu unha sentenza favorable ás súas teses no recurso perante o TSXG

A Xunta é o primeiro goberno autonómico do Estado que recorre aos tribunais para que o seu idioma propio estea máis desprotexido

Carlos Callón: “Insulta a intelixencia de calquera que nos digan que gañaron as sentenzas e que, ao mesmo tempo, as van recorrer”.
A Xunta tira diñeiro de todas e todos para atacar o noso idioma nos tribunais, cando a súa obriga é defender a nosa lingua e a nosa cultura
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2013.- A Mesa pola Normalización Lingüística, a primeira entidade que recibiu unha sentenza favorábel ás súas teses no recurso perante o TSXG polo decretazo contra o galego, considera “obscenos” os argumentos utilizados pola Xunta para os seus recursos perante o Tribunal Supremo. A Mesa recorda que, aínda que houbo gobernos noutras comunidades do Estado que si practicaron nalgún momento políticas contra as súas linguas (como os de Navarra ou Valencia), a Xunta de Feijóo é “o primeiro goberno autonómico que recorre aos tribunais para conseguir unha maior desprotección para o seu idioma”.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, apunta ademais que “está á vista de todo o mundo que temos un presidente que é mentireiro compulsivo”, pois “insulta a intelixencia de calquera que se nos diga que gañaron as sentenzas e que, ao mesmo tempo, as van recorrer”. “Ha de ser a primeira vez na historia que alguén recorre sentenzas que di que gañou!”, ironiza.
As varias sentenzas do TSXG anulan por ilegais os núcleos do decreto do plurilingüismo e o cerne do discurso do PP sobre a presenza dos idiomas no sistema educativo. Así, o decreto en vigor é un “decreto zombi”, posto que, aínda que continúa en vigor, “en realidade está xa morto xuridicamente, igual que estaba xa morto socialmente e pedagoxicamente”, pois é unha norma “sen apoios na comunidade educativa e considerada unanimemente como inservíbel desde o ámbito da pedagoxía”.
A Mesa lamenta tamén que “nun momento como o actual, en que tan necesaria é a cohesión social de Galiza, a aposta da Xunta sexa destruír a nosa cultura todo o posíbel, mesmo malgastando diñeiro público nese obxectivo, como está a acontecer agora cos seus recursos ao Tribunal Supremo”. No entanto, a asociación asume que “dará a batalla en todos os ámbitos que for preciso para defender o galego na escola”.



Ningún comentario:

Publicar un comentario