luns, 28 de xaneiro de 2013

"Aínda que se molle, o galego non encolle"

"Aínda que se molle, o galego non encolle", berraban os milleiros de persoas que este domingo desafiaron un día de chuvia e frío para manifestarse en Compostela pola lingua propia. Convocados por Queremos Galego, cidadáns chegados de todos os puntos do país volveron saír á rúa solicitar a "derrogación inmediata do decretazo", logo das múltiples sentenzas do TSXG que eliminan o cerne da polémica norma do Goberno da Xunta de Núñez Feijóo, e para amosar o seu rexeitamento á lei Wert, a reforma educativa que deixaría o idioma nunha posición residual.

Pero foi, sobre todo, unha nova manifestación de dignidade e pola dignidade dun idioma galego minorizado e desprazado, nomeadamente no ensino. Unha marcha contra a política lingüística desta Xunta e tamén do Goberno central. "Queremos galego na escola", foi unha das reivindicacións máis escoitadas nunha marcha que, malia o mal tempo, volveu superar as expectativas. Cando a manifestación entraba na zona vella de Compostela, a cola aínda non saíra da Alameda.

"Manda carallo, sen galego e sen traballo", berraron tamén os manifestantes, que mesturaron na marcha a súa indignación polas consecuencias da crise coa reivindicación ante os continuos ataques que está a sufrir a lingua, sobre todo desde a chegada do goberno de Núñez Feijóo á Xunta. "Nas aulas de Galiza, queremos galego", insistían unha e outra vez os asistentes, que só se comezaron a librar da auga ao pouco de chegar á Praza da Quintana, cando co comezo dos discursos parou de chover.
Precisamente, neses discursos mesturouse a reivindicación coas críticas ao Concello de Santiago, que impediu a colocación dun palco para o acto final da marcha de Queremos Galego, unha medida que xa foi denunciada nos tribunais pola plataforma. Así o lembrou Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro do colectivo, que recordou tamén a situación de penuria pola que pasa a lingua galega na escola. "O 95% dos centros de Ensino Infantil das cidades non empregan o galego", asegurou.

Antes, Uxía Senlle e Sés amenizaron o acto coa súa música, mentres Luís Iglesias, Pepe Penabade, Marta Dacosta ou Mercedes Queixas repartíanse para ler o manifesto. Nel, reivindicouse a "derrogación de forma inmediata" do decreto do plurilingüismo e reclamouse que o Goberno galego "promulgue unha nova norma que se basee no acordado por unanimidade parlamentar no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".
Na marcha puidéronse ver representantes de todas as forzas parlamentarias da oposición, así como dos principais sindicatos e organizacións estudantís. Toda a oposición denuncia a política lingüística da Xunta.

Así, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, considerou “lamentable” que “o principal inimigo do noso sinal de identidade, que é o galego, sexa o Goberno de Galicia”.
O líder dos socialistas galegos considera “incrible" que teñamos que defender o galego "loitando contra o goberno que en teoría estaría encargado de defendelo”. Advertiu que “segue habendo persecución por parte do goberno” contra o galego a pesar da sentenza do TSXG que desbotou as principais medidas do decreto do plurilingüismo aprobado por Feijóo. Por iso, chamou así a “buscar un novo consenso” e instou ao Goberno a “deixar de usar a lingua propia como elemento de confrontación política”.
Pola súa banda, Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Parlamento, criticou que a Xunta "teime en seguir aplicando" o decreto que "condena o galego á marxinalidade no ensino" malia "a opinión contraria da comunidade educativa e da cidadanía". Ademais, o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, cualificou os gobernantes do PP de "nazinecios" por crer que "toda a produción da cultura galega desde hai máis de mil anos é unha arte dexeneradora".

Para Beiras, o Goberno de Feijóo ten "o problema dos colonizados" porque manifesta "o seu autoodio e desprezo aos valores do seu pobo". "Eles non forman parte deste pobo, son unha excrecencia que parasita as enerxías deste pobo", engadiu, tras reivindicar que é "a cidadanía quen saca adiante o país mentres eles lle poñen freo". "Axita terán o seu castigo porque non hai que npoda pelexar contra un pobo en pé permanentamente", rematou.






Ningún comentario:

Publicar un comentario