Alternativa Galega de Esquerda denuncia que a Xunta está poñendo en marcha o novo modelo de formación profesional dual -no que boa parte dos procesos formativos se realizan nas empresas e non nos centros de ensino- e que o fai "pola porta de atrás", sen un marco normativo galego e sen ter en conta os órganos consultivos en materia de Educación.
Os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron poñen o énfase na sinatura o pasado 16 de xaneiro do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, dun convenio de colaboración co director financeiro da empresa Coremain SL. Vázquez e Ron denuncian que o acordo para establecer un proxecto empresarial de FP dual realizouse sen o correspondente marco normativo galego, "aplicando directamente o Real Decreto aprobado polo Ministro Wert en Madrid". Ademais, a Xunta non convocou ningún dos órganos consultivos legalmente establecidos para abordar calquera cambio na ordenación do sistema educativo galego, coma o Consello Galego de Formación Profesional, o Consello Escolar de Galicia ou a Mesa sectorial de Educación.
AGE tamén critica que o convenio se asinase con esta empresa sen abrir a posibilidade de que outras optasen a partircipar. Lembran que a Xunta leva asinados "unha chea" de contratos con Coremain SL, sendo por exemplo a adxudicataria dos ordenadores para o Plan Abalar cun valor de máis de 5 millóns de euros, entre outros programas e contratos.
Criticas ao modelo dual
A reforma da lei de Educación proxectada polo ministro Wert establece un novo modelo de formación profesional baseado no modelo dual alemán. A nova FP Dual permite facer prácticas e recibir formación en empresas, simultaneando traballo e estudos. Os expertos non ven a necesidade de realizar esta reforma e cualifican de "irreal" a aposta por ese modelo, polas diferenzas na estrutura produtiva entre España e eses países e polo bo funcionamento obxectivo dos estudos de formación profesional no Estado. Por exemplo, o ex director xeral de FP, Miguel Soler, considera que na práctica "só servirá para cubrir postos de traballo que requiren unha maior cualificación con estudantes a cambio de soldos que non chegarán ao salario mínimo", xa que a maioría das pemes non teñen capacidade para destinar a persoal á formación do alumnado.
De igual xeito, Alternativa Galega de Esquerda denuncia que “este enfoque formativo do PP pretende incorporar ao mercado laboral a xóvenes dende os 16 anos e especular con esta man de obra barata co pretexto de mellorar a oferta formativa, aproveitan a desregulación do mercado laboral co que se permitirá o libre despedimento de traballadores con antigüidade para contratar a aprendices en precario e con salarios miserables”. E engaden que "co establecemento dos chamados minijobs, o PP pretende ademáis un dobre obxectivo disfrazar as cifras do fracaso e abandono escolar e maquillar as cifras do paro, e todo con máis precariedade e menor calidade de ensino”.
Galicia non é Alemaña
Antonio Rial, profesor de Ciencias da Educación na USC, cre que “a formación profesional non necesita ningún cambio neste momento. Se cadra pódense facer algunhas modificacións nos ciclos medios, pero os ciclos superiores funcionan moi ben, sobre todo grazas a un profesorado de primeiro nivel e moi comprometido coa formación”. En concreto, Rial afirma que a implantación do modelo alemán "non sería posible", porque "Alemaña ten un sistema dual no que as grandes empresas son as protagonistas, e funciona porque estas empresas teñen aulas-talleres, polo que o sistema non é moi distinto ao que temos aquí, e só no último ano os alumnos se insiren no proceso de produción real. Aquí a situación é moi distinta; as empresas non forman os seus propios activos. E en calquera caso as prácticas en empresas en España melloraron moito, por iso non vexo necesarias as reformas”.
Concha Fernández, profesora de Formación Profesional Específica de Servizos Socioculturais e á Comunidade, afirma que "o modelo alemán serve para un modelo produtivo e de servizos coma o alemán. Pero en Galicia que persoa entra nunha empresa e dentro dela continuar a súa formación? Sería unha reforma irreal, que poría en mans das empresas persoas cunha cualificación mínima. En Alemaña alguén entra en Siemens nun nivel básico e ir progresando; en Galicia o 95% das empresas teñen menos de sete traballadores".
Os deputados de AGE sinalan tamén as diferenzas entre os contextos industrial, empresarial, laboral, económico e social de Galicia e Alemaña. Ramón Vázquez e Xabier Ron destacaron o investimento de 30 billóns de euros por parte do goberno alemán para o desenvolvemento da formación profesional, a participación de 500.000 empresas alemás que participan ofrecendo máis de 350 carreiras profesionais, e os 320.000 instrutores que traballan como formadores nas empresas, e todo nun contexto onde a taxa de paro se sitúa no 7,3 por cento e o salario medio nos 1.993 euros. Pola contra, en Galicia o 95 por cento das empresas son de pequeno tamaño e só o 0,67 por cento teñen 50 ou máis empregados.
Antonio Rial: “A implantación do modelo alemán non sería posible, porque Alemaña ten un sistema dual no que as grandes empresas son as protagonistas, e funciona porque estas empresas teñen aulas-talleres, polo que o sistema non é moi distinto ao que temos aquí, e só no último ano os alumnos se insiren no proceso de produción real. Aquí a situación é moi distinta; as empresas non forman os seus propios activos. E en calquera caso as prácticas en empresas en España melloraron moito, por iso non vexo necesarias as reformas”
Concha Fernández: "O modelo alemán serve para un modelo produtivo e de servizos coma o alemán. Pero en Galicia que persoa entra nunha empresa e dentro dela continuar a súa formación? Sería unha reforma irreal, que poría en mans das empresas persoas cunha cualificación mínima. En Alemaña alguén entra en Siemens nun nivel básico e ir progresando; en Galicia o 95% das empresas teñen menos de sete traballadores"
Ningún comentario:
Publicar un comentario