xoves, 17 de xaneiro de 2013

A lingua vale para a Xunta a metade dunha décima dos Orzamentos

Un 0,06%, a metade dunha décima. É o orzamento que a Xunta de Feijóo vai destinar á lingua galega en 2013 segundo denuncian a Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística e CIG-Ensino. Así as cousas, segundo os datos que manexa a CTNL, o investimento do PP en política lingüística "cae a mínimos históricos": a cuarta parte do que eran hai unha década e un terzo do que eran hai 20 anos, coa Administración Fraga.
Cómpre recordar que con este diñeiro se financian as actividades das equipas de normalización de 1.500 centros de ensino, que verán recortadas as partidas destinadas aos proxectos de innovación en normalización e aqueloutras que van parar a proxectos de fomento do uso da lingua propia do País.
Mais, para alén da escola, tamén se paga do mesmo peto o apoio á normalización nos 315 concellos galegos, os centros de estudo en 16 países, a formación requerida para a obtención dos certificados Celga, todas as accións e campañas de fomento do galego que parten da Xunta para medios de comunicación e proxectos editoriais ou os proxectos de investigación que realizan institucións como a Real Academia e o Consello da Cultura.
Por todo isto, a CTNL valora a tesourada á normalización como "un auténtico insulto ao idioma propio e ao principal símbolo de identidade do País". Na mesma liña pronunciouse CIG-Ensino, que debulla as accións das que é responsábel a secretaría xeral de Política Lingüística para sinalar que todas sofren "un fortísimo recorte" que supera nalgúns casos o 60% respecto de 2012 e o 90% respecto de 2005.
De maneira detallada e comparando co ano pasado, caen as partidas destinadas a campañas de normalización (49%), accións formativas (29%) e proxectos de ensino (25%). Respecto de 2005 cae un 56% o orzamento dos centros educativos, máis do 79% o das editoriais e máis do 92% aquel destinado a entidades sen fins lucrativas. Son algunhas das cifras do que a Coordinadora considera unha "inxustificábel perda de peso e visibilidade" de Política Lingüística.
Pola súa banda, CIG-Ensino fai fincapé tamén en que "malamente se poderán pór en práctica" os proxectos de normalización neste curso 2012-2013, pois informan de que o resultado dos proxectos premiados e a contía das subvencións "non se coñecerán antes do inicio do terceiro trimestre".



Ningún comentario:

Publicar un comentario