luns, 28 de xaneiro de 2013

''Manda carallo, sen galego e sen traballo''

A indignación polas (contra)reformas que en materia económica e lingüística están a levar a cabo os gobernos do PP na Galiza e no Estado mesturáronse este domingo en Compostela coa auga da chuvia nunha mobilización nacional que culminou cunha contundente advertenza: "sairemos á rúa as veces que faga falta".

Contra "un ataque premeditado á nosa lingua" perpetrado polos gobernos do PP na Galiza e no Estado e crucial nas súas (contra)reformas "porque significa eliminar a cohesión social e a nosa identidade nestes tempos convulsos". Eis aquí, en palabras do voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón, o eixo central de máis unha mobilización nacional que este domingo secundaron en Compostela milleiros de persoas. E fixérono malia a chuvia, malia o frío e malia que o Concello de Santiago puxo todo da súa parte para prohibir este acto en prol do idioma propio, para berrar por el e para protexelo das gadoupas da Xunta.

Polo cesamento dos ataques contra o galego.


A derrogación inmediata do decretazo que a consellaría de Educación impuxo tan pronto chegou ao goberno e que acumula seis sentenzas en contra ditadas polos TSXG; que o ministro español José Ignacio Wert recúe na súa teima de españolizar o ensino a través da LOMCE; e que o executivo de Feijóo dea un respiro á nosa lingua, afogada no anteproxecto de orzamentos que esta terza feira irá a debate no Parlamento e que reserva para a promoción do galego 5,7 millóns, exactamente un terzo do que Fraga investía hai 20 anos.
Eses tres, aderezados co rexeitamento máis fero a unhas políticas socio-económicas que incharon a cifra de desempregad@s até acariñar @s 300 mil, son os motivos que botaron o pobo á rúa máis unha vez e, como se advertiu desde o micro da Quintana, "todas as que fixeran falta" para pararlle os pés a un goberno que prefire pagar a escola privada no canto de defender a pública, acatando o estabelecido nunha lei que vén de Madrid e que reduce do 45% ao 35% a autonomía dos territorios para achegar contidos ao currículo educativo. O galego, as linguas propias, teñen nesta norma unha importancia menor que a relixión e a súa aprendizaxe fica suxeita á boa vontade de cada centro.


Tod@s, agás o PP


Aínda que se molle o galego non encolle ou Manda carallo, sen galego e sen traballo foron dous dos lemas máis coreados nas rúas, namentres a manifestación seguía o seu camiño cara á Praza da Quintana baixo o atento ollar dos antidisturbios.
Polo medio, dúas faixas sostidas por militantes independentistas amordazad@s cun colante da bandeira española recordaron, dunha banda, @s nove pres@s dispersad@s e, da outra, que 12 cidadá(n)s galeg@s fican pendentes de seren xulgadas por defender a lingua nunha manifestación contra Galicia Bilingüe realizada o 8 de febreiro de 2009.
A mobilización contou co apoio de todas as forzas políticas con representación parlamentar, agás o PP, que cadraron á hora de condenar as medidas contra a lingua e contra as políticas de benestar despregadas desde a Xunta. Queixouse Francisco Jorquera (BNG) da teima do titular de Educación, Jesús Vázquez, en aplicar "un decreto que condena o galego á marxinalidade no ensino"; Xosé Manuel Beiras (AGE) identificou no goberno galego "o problema dos colonizados" polo "autoodio" que manifestan cara aos símbolos da identidade nacional; e Pachi Vázquez (PSOE) tildou de "lamentábel" a "persecución" da cal Feijóo fai vítima a nosa lingua.

'Queremos galego na escola'


Se mexan por nós, caghamos por eles!", berrou Sés, parafraseando ao Leo e erguéndolle o dedo índice "ao meu meu que se chama Núñez Feijóo". Fíxoo desde o mesmo micro polo que pasaron o actor Luís Iglesia, a vicepresidenta da Mesa Susana Méndez, o músico Xurxo Souto ou a profesora Marta Dacosta, repartíndose a lectura do manifesto Queremos galego na escola.
O texto redactouno a plataforma cidadá para a ocasión e nel reclamouse que este idioma "non estea prohibido en ningunha materia"; que se desenvolva un plan de formación para que o persoal dos centros educativos "poida desenvolver a súa actividade profesional en galego"; e que se garanta a educación na lingua propia en todas as etapas educativas. Tamén se reivindicou "un teatro 100% en galego".
Canda Sés cantou Uxía a coñecida peza 'Tempestades de sal'. Cun bocadiño do seu retrouso pechamos esta crónica: Mais aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal, resistindo a violencia de mans desas serpes e cans que nos queren calar.








Ningún comentario:

Publicar un comentario