xoves, 31 de xaneiro de 2013

Rexeitamento frontal ao recurso da Xunta que tenta "aumentar a desprotección do galego"

A Xunta decidiu enlamarse nunha batalla xudicial co galego como protagonista, logo de anunciar o pasado martes que xa se prepara para presentar un recurso de casación ante o Supremo contra as numerosas sentenzas que anulan o cerne do decreto do plurilingüismo. Todo, malia que o Goberno de Feijóo insiste unha e outra vez en que os ditames "avalan" a norma e a súa política lingüística. O rexeitamento de colectivos, sindicatos e oposición é, de novo, frontal e rotundo.

A Mesa pola Normalización Lingüística, a primeira entidade que recibiu unha sentenza favorábel por parte do TSXG, cualifica de "obscenos" os argumentos utilizados pola Xunta para os seus recursos perante o Tribunal Supremo e recorda que, aínda que houbo gobernos noutras comunidades que si aplicaron políticas contra as súas linguas, o Executivo de Feijóo é “o primeiro que recorre aos tribunais para conseguir unha maior desprotección para o seu idioma”.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, asegura que “está á vista de todo o mundo que temos un presidente que é mentireiro compulsivo”, pois “insulta a intelixencia de calquera que se nos diga que gañaron as sentenzas e que, ao mesmo tempo, as van recorrer”. “Ha de ser a primeira vez na historia que alguén recorre sentenzas que di que gañou!”, ironiza.

Outro dos colectivos aos que o TSXG estimou en parte o recurso, CIG-Ensino, cre que a Consellaría de Educación "amosa unha vez máis a súa galegofobia" e entende que o feito de que a Xunta decida finalmente acudir á Xustiza implica que o Goberno sabe que os ditames "poñen en entredito o decreto". "Insisten na súa política contra a nosa lingua, que é o seu obxectivo central, e para iso non dubidan en gastar importantes cantidades de diñeiro en recorrer estas sentenzas porque amparan o noso idioma", engade a central nacionalista, que coincide coa Mesa en denunciar tamén o gasto de cartos públicos para atacar a cultura propia.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), pola súa banda, considera que "a belixerancia da Xunta contra a lingua galega non parece coñecer límites" e critica o "asañamento" do PP "co idioma que o Estatuto considera propio de Galicia". “Jesús Vázquez é un perverso galegófobo que desde a institución que debera defender a identidade galega”, lembra o deputado Xabier Ron, “non deixa de atentar contra a súa lingua”. "O conselleiro e Feijóo teiman no seu odio furibundo contra o galego e a cultura galega", insiste.

Ademais, o membro da Executiva Nacional de Compromiso por Galicia (CxG), Henrique Monteagudo, cre que “o Partido Popular ten que reflexionar”, xa que as sucesivas sentenzas do TSXG “desmontan un por un todos e cada un dos elementos principais do decreto”. O membro da Real Academia Galega considera tamén que Feijóo perdeu unha oportunidade para rectificar “unha política lingüística errada que se basea no desprezo total e absoluto ao galego".
Monteagudo destaca tamén que "este desprezo e maltrato da lingua" está acompañado dun “desprezo ás institución propias”, xa que "Feijóo acode a Madrid, ao Tribunal Supremo, para que resolva sobre unha materia que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma".












Ningún comentario:

Publicar un comentario