Unha mobilización de toda a comunidade educativa contra a "contrarreforma" do ensino público ou, o que é o mesmo, contra LOMCE, máis coñecida como 'Lei Wert'. Un día despois de que as principais organizacións estudantís galegas acordasen un calendario de protestascontra o proxecto impulsado polo gabinete de Mariano Rajoy a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público vén amosar o seu apoio ás mobilizacións do estudantado ademais de convocar as súas propias, que van dende concentracións nas sete cidades o vindeiro día 31 ata un traballo centro por centro, co obxectivo de que en cada colexio e instituto se coñeza o contido da denominada "lei de mellora da calidade educativa" e se rexeite formalmente.
En rolda de prensa en Compostela a voceira da plataforma e presidenta da federación de ANPAS de Lugo, Elvira Lombao, sinala que tratarán de vehiculizar este rexeitamento a través de solicitudes aos consellos escolares e claustros, aos que lles pedirán "que aproben resolucións en contra da súa aprobación". "É o momento de dicir que non queremos esta lei -di-, que os pais e nais, o profesorado e o alumnado tamén somos membros da comunidade educativa e temos dereito a dar a nosa opinión".
A plataforma explicará nos centros que a lei terá "consecuencias nefastas" para o galego e inclúe preceptos "totalmente confesionais"
Trátase, explica Lombao, de "darlle un toque ao Goberno" e para isto cómpre tamén, na opinión da plataforma, espallar o contido da norma. Por este motivo celebrarán "conferencias e debates" en todas as comarcas, para "informar" dos detalles dunha lei "que supón unha recentralización de consecuencias nefastas para o noso idioma", ademais de implantar nas aulas normativas "totalmente confesionais" xa que "a relixión non só segue sendo materia curricular, senón que se ve reforzada, na medida en que lle crean unha alternativa e pasa a ser específica en Bacharelato", di Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, sindicato integrado no colectivo.
Ademais, apunta, a LOMCE "está impregnada en todo o seu texto dunha ideoloxía mercantilista, neoliberal e privatizadora", toda vez que "non só seguirán concertándose os actuais niveis" nos que xa está implantado este modelo, senón que tamén haberá FP básica concertada nun escenario xeral no que a lei estipula que haberá "centros privados concertados" na medida en que haxa "demanda social" deles. Isto, di Louzao, é "moito máis grave", porque "substitúe" o principio vixente, segundo o cal "a administración estaba obrigada a ofertar prazas públicas dabondo".
Ao tempo explica Louzao que na banda do profesorado a estas razóns únese a "desautorización" dos docentes que, na súa opinión, a lei introduce coa recuperación das reválidas. Estas probas "condicionan totalmente o traballo" dos e das profesionais do ensino, con "avaliacións externas" que apostan por unha escola "elitista, clasista e só pensada para unha minoría da sociedade". O alumnado que "non supere" as reválidas, augura, vai ser "expulsado do sistema" e isto afectará máis "ás clases máis desfavorecidas". "Unha parte moi importante do alumnado vai ser expulsado sen ter a mínima titulación", augura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario