luns, 28 de xaneiro de 2013

"É incríbel ter que mobilizarse para que o galego non sexa excluído da escola"

"O pobo galego si pode cos elementos; que chove, que vente, o galego está presente". Carlos Callón, voceiro da plataforma Queremos Galego, destacou o apoio unha vez máis da cidadanía á manifestación que este domingo percorreu as rúas de Compostela. Malia o día frío e con intensa chuvia, foron milleiros os que berraron contra a política lingüística da Xunta e do Goberno central, enchendo unha Praza da Quintana que quedou pequena.

Todo, malia que, como recordou Callón, a plataforma "non conta con ningunha axuda do Goberno galego", pero si "coas dificultades que pon o goberno municipal de Santiago, que non quere ningún acto a prol do noso idioma na capital do país". "Tentaron impedir o Correlingua, a manifestación do Día das Letras e tamén este acto final, mais aquí estamos", dixo na súa intervención tras a marcha.

Callón destacou a "verdadeira calamidade" que supón a política lingüística dos executivos galego e español. "É incríbel que teñamos que mobilizarnos para que o galego non sexa excluído de calquera etapa educativa", afirmou, tras lembrar que "máis do 95% dos centros de Infantil das cidades non impartan nin un só día na lingua propia".
Ademais, Carlos Callón cualificou tamén de "incríbel" a proposta incluída da reforma educativa impulsada polo ministro Wert na que se pretende "que se pague con cartos públicos escolas privadas para aquelas familias que non queiran escoitar o galego". "Como poden ter a vergoña de propor iso?", preguntouse o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que cre que para o PP "o idioma non é unha cortina de fume", senón un obxectivo "do seu ataque para acabar coa nosa identidade".

Por iso, destacou Callón, "é moi positivo" que "toda a sociedade organizada de Galicia estea aquí, excepto, lamentablemente, o Partido Popular". "Continuamos e continuaremos aquí; continuamos a erguer a bandeira de Rosalía e farémolo as veces que faga falta porque defendemos o dereito a existir como pobo", rematou o voceiro de Queremos Galego, antes de recordar a Avelino Pousa Antelo.






Ningún comentario:

Publicar un comentario