Tan só dous días despois doutra masiva manifestación contra a suá política lingüística, a Xunta vén de confirmar a súa intención de interpoñer recurso ás sentenzas ditadas polo TSXG, que eliminan o cerne do polémico decreto do plurilingüismo para o ensino. A Consellería de Cultura e Educación emitiu un comunicado no que aclara que xa realizou "o trámite formal de simple personamento" ante o Tribunal Supremo, o paso necesario para poder presentar un recurso de casación contra os ditames do Tribunal Superior.
Segundo o Goberno galego, este trámite realizouse no último día do prazo, "agardando ata o último momento, por se se producía algunha resposta dialogante e construtiva sobre a proposta que no seu día fixo o presidente da Xunta". Refírese á oferta de Núñez Feijóo, que asegurou que acataría as sentenzas do TSXG se o BNG asumía a política lingüística do PP. Loxicamente, a oferta non tivo resposta e a Xunta decidiu enlamarse nunha batalla legal contra os ditames xudiciais, malia que insistiu unha e outra vez en que "as sentenzas refrendan o decreto ao 100%".
Na propia nota de prensa, ateigada de erros, a Xunta insiste nos ataques á oposición e insiste en que o ditame xudicial non pon en dúbida a norma lingüística. Así, a Consellería asegura que "non pode admitir as imposición que algúns partidos ou colectivos pretenden", porque "serían contrarias ao expresado pola maioría do pobo galego nas urnas e contrarias ás sentenzas do TSXG, que non derrogou, como pretendían os recorrentes, o decreto de plurilingüismo".
Educación vai máis aló e engade que esa "pretensión derrogatoria" está "carente de apoio social e xurídico" e acúsaa de estar esgrimida "por algún partido" como" única resposta á man tendida do presidente de negociar sobre a base dos ditames emitidos polo Tribunal galego".
O Goberno galego aclara que o TSXG dispón dun máximo de trinta días para comunicarlle á Xunta que prazo lle habilita "para presentar formalmente o recurso de casación", unha presenación que se impediría, segundo o Executivo, "se os recorrentes e a oposición aceptaran a mencionada proposta feita hai máis dun mes polo presidente da Xunta".
As sentenzas que botaron abaixo o cerne do decreto do plurilingüismo estimaron en parte os recurso presentados por colectivos tan variados como Queremos Galego, A Mesa pola Normalización Lingüística, CCOO, CIG-Ensino ou a Real Academia Galega. Aínda así, a Xunta continúa a censurar os recorrentes e a negar a relevancia duns ditames que anulan o artigo 5.2., no que se estipulaba a realización dunha enquisa lingüística entre os pais e nais en Educación Infantil, e o 12.3. no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario