mércores, 24 de febreiro de 2016

Un colexio de Rois, campión de robótica no certame Lego League

Os alumnos do colexio Os Dices gañan neste concurso de crear robots con pezas de Lego.

O equipo de robótica TecnoRois 5 do Centro Público Plurilingüe Integrado (CPPI) de Os Dices, no municipio de Rois, proclamouse onte na Coruña campión da terceira edición do torneo rexional da First Lego League Galicia, celebrado na Facultade de Informática da universidade coruñesa. O programa ten como obxectivo espertar nos estudantes a curiosidade e o interese pola ciencia e a tecnoloxía.
A proba consiste no deseño, construción e programación dun robot coa tecnoloxía Lego, que debía superar unha serie de probas nun circuíto idéntico para todos os equipos participantes, un total de 11, todos de Galicia agás un de Xixón.  Os equipos debían, ademais, realizar un proxecto científico e, nesta edición, o desafío era que se pode facer na actualidade para mellorar a xestión dos residuos.
O equipo TecnoRois, formado por cinco alumnos de terceiro curso de ESO de 14 e 15 anos, ademais o seu profesor de Tecnoloxía Javier Méndez, foi o mellor de todos. A súa vitoria dálle o pase á competición nacional, que se celebrará en Xirona os días 12 e 13 de marzo.  Non é a primeira vez que este centro de Rois gaña unha competición de robótica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario