luns, 22 de febreiro de 2016

Nace en Lugo o centro Cebiovet para a investigación veterinaria

As instalacións, de 4.700 metros cadrados, tamén acollerán o eido biomédico e agroalimentario.

Nace en Lugo o Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet), dentro do Campus Terra, dedicado ás actividades de I+D+i na Facultade de Veterinaria. A posta en marcha deste centro de investigación e experimentación ao abeiro da Fundación Rof Codina encádrase dentro da estratexia de especialización do campus de Lugo da USC, lembrou o reitor, Juan Viaño. O Cebiovet é un novo reto, do mesmo xeito que o Campus Terra supón un proxecto que está chamado a facer deste campus da USC unha referencia nacional e internacional nos eidos veterinario, agrario e das industrias agroalimentarias.

O Cebiovet está estruturado en diversos módulos que ocupan unha superficie de máis de 4.700 metros cadrados. Estas instalacións, que inclúen módulos adaptados para grandes e pequenos animais, así como outras dependencias parar aloxamentos e tamén para o desenvolvemento de distintas probas e tratamentos de experimentación, cumpren as ratios de calidade e a normativa vixente en Europa, segundo indicou o xerente da Fundación Rof Codina.
O profesor da USC Luis Felipe de la Cruz Palomino indicou que o reto da calidade non é novo para a Facultade de Veterinaria de Lugo, en alusión ao proceso de renovación da acreditación da homologación europea ao que se enfrontará nos próximos anos o centro universitario lugués. O xerente da Fundación Rof Codina tamén se mostrou optimista de cara as novas posibilidades que se abren coa disposición dunhas instalacións modernas e ampliadas, cuxa superficie dispoñible duplica a das instalacións existentes ata a data.
A apertura oficial das instalacións do Cebiovet na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo congregou unha nutrida comitiva de representantes políticos, entre os que figuraban o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen ademais tamén forman parte do padroado da Fundación Rof Codina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario