venres, 5 de febreiro de 2016

Sociedade civil e educación: cara a unha nova lóxica política

A educación non pode reducirse ao debate público ou privado, senón que debe enfocarse como a realización dun dereito fundamental da persoa.

Cal é o papel da sociedade civil na educación? A UNESCO e en realidade a comunidade internacional acaban de crear un novo modelo. Reflícteo con claridade o Marco de acción Educación 2030, aprobado en novembro pola UNESCO. O documento, acordado con todos os Estados, subliña que "a educación é unha misión da sociedade, o que implica un proceso inclusivo de formulación e implementación das políticas públicas. A sociedade civil ten que xogar un papel importante na realización do dereito a unha educación de calidade". Sinalemos que Educación 2030 recolle a dimensión especificamente educativa dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable adoptados en setembro polos xefes de Estado e de Goberno.
Pero hai máis aínda: a avaliación anual dos avances no proceso Educación 2030 será realizada conxuntamente polos Estados e a sociedade civil. Estamos pois ante un cambio histórico, ante unha nova gobernanza que recoñece a necesidade de compartir o poder coa sociedade civil. Unha sociedade civil alternativa ao sistema público e crítica para monitorear as políticas públicas cunha óptica independente.
A matriz desta nova filosofía aparece de maneira detallada no novo informe da UNESCO Repensado a educación. O documento destaca que a educación non pode seguir tendo un enfoque de ben público, senón un enfoque de ben común. En resumo, a educación non pode reducirse ao debate público ou privado, senón que debe enfocarse como a realización dun dereito fundamental da persoa:
Entender que a educación é un ben común significa dúas cousas:
a) Primeiro, este ben —a educación— só pode definirse desde a perspectiva dunha diversidade de conceptos do benestar e a vida en común.
A liberdade de ensino é unha liberdade fundamental no mundo xa que o 84% dos Estados analizados outórganlle unha protección a nivel constitucional
b) E segundo: é necesario reforzar os procesos participativos. É imposible entender educación como ben común se non hai procesos inclusivos na realización de políticas públicas, nin en rendición de contas, nin na implementación.
A protección das liberdades na educación é un bo índice do respecto do pluralismo, desta diversidade de concepcións do benestar por parte dos Estado e, sobre todo, da vontade de colaborar coa sociedade civil na realización do dereito á educación.
OIDEL en colaboración coa Fundación Novae Terrae acaba de publicar o primeiro Índice Mundial de Liberdade de Ensino (ILE). O estudo cobre o 94% da poboación mundial e 136 países de todas as zonas xeográficas. É unha boa ferramenta para ter unha visión de conxunto da relación entre a sociedade civil e o Estado no terreo da educación. ILE adopta un enfoque de dereitos analizando a conformidade das leis nacionais co Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e o Convenio de Loita contra as Discriminacións da UNESCO.
Este enfoque é crucial para valorar de modo correcto a calidade da educación que non pode reducirse á lectura e ao cálculo, implica a formación en valores, a cidadanía democrática e unha visión humanista do saber cando menos. O dereito internacional sinala así que a educación debe ter como obxectivo o desenvolvemento da persoa humana en todas as súas dimensións.
O ILE componse de catro indicadores baseados nas normas internacionais: 1) Posibilidade legal de crear e xestionar escolas non gobernamentais (ENG). 2) Axudas financeiras polas escolas non gobernamentais (ENG). Gastos subvencionados polo Estado. 3) Taxa de escolarización neta (educación primaria). 4) Taxa de escolarización nas escolas non gobernamentais (ENG) respecto do total (educación primaria).
O estudo valora os países de 1 a 100 incluíndo breves comentarios destinados a contextualizar os datos, pero máis que establecer un ránking entre países, a investigación permite aos Estados avaliar a súa situación con relación ao estándar mundial do dereito á educación.
O informe permite desmentir falsas evidencias. A liberdade de ensino é unha liberdade fundamental no mundo xa que o 84% dos Estados analizados outórganlle unha protección a nivel constitucional. Igualmente, o 73% dos países estudados subvencionan as escolas non estatais, aínda que no 43% dos casos a axuda sexa débil. Iso mostra que os Estados son conscientes da importancia do apoio financeiro para facer efectiva esta liberdade.
No caso da Unión Europea todos os Estados, salvo Bulgaria, Croacia e Grecia, financian a escola non estatal. Con respecto a un precedente estudo de 2002 os países que subvencionan as ENG aumentaron en sete puntos.
A maioría dos países cun nivel elevado no ILE atópanse na rexión UNESCO Europa – América do Norte. Dentro dos 15 primeiros, con todo, atópanse igualmente Chile, Corea do Sur, Israel e Perú. Convén tamén sinalar que entre os dez primeiros países do ILE, seis sitúanse no Norte de Europa (Irlanda, Holanda, Bélxica, Reino-Unido Dinamarca e Finlandia).
España sitúase na parte alta da clasificación. Concretamente no décimo posto, aínda que lonxe dos primeiros países (Irlanda, Holanda e Bélxica). O informe constata que, en España, como no sur de Europa, o debate sobre o financiamento de escolas non gobernamentais, está moi politizado. Igualmente o informe sinala como boa práctica eficaz a cesión de chan público para a construción de escolas non gobernamentais que se estableceu na LOMCE.
Tras a rexión Europa e Norte América a segunda rexión con ILE máis elevado é América Latina. Algúns países importantes da rexión como Arxentina posúen un Índice elevado mentres que outros como Brasil ou México atópanse só lixeiramente por encima da media mundial. Como se dixo xa, Chile é o país co ILE máis elevado seguido a certa distancia de Perú.
Alfred Fernández é membro da Cátedra UNESCO da Universidade da Rioxa e coordinador da Plataforma de ONG sobre o dereito á educación (Nacións Unidas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario