O comezo do ano tróuxonos a publicación dunha serie de estatísticas
laborais que, en termos xerais, veñen confirmarnos as grandes tendencias
que caracterizan a chamada “recuperación” económica.
Continúa a caída da poboación activa nun mercado laboral cada vez máis inestable e desigual.

Na última Enquisa de Poboación Activa do ano 2015, destaca o descenso
da taxa de actividade en Galiza, continuando a evolución negativa que
experimenta desde 2012. A taxa de actividade mide o número de persoas
integradas no mercado de traballo (ocupadas ou demandantes) respecto ao
total en idade de traballar. O descenso permanente desta taxa non é, por
tanto, algo explicable pola crise demográfica do país (que a fai
maior), senón unha problemática máis fonda que ten que ver coas miguadas
perspectivas de desenvonver un proxecto vital en Galiza a día de hoxe. O
número de persoas activas total, en efecto, tamén experimenta un
retroceso tanto en ámbito galego como estatal.

A ocupación sofre unha evolución a simple vista máis positiva. Aínda
que cae respecto ao terceiro trimestre de 2015, a comparación interanual
é levemente ascendente (arredor de 32.000 persoas máis traballando en
Galiza). A interpretación máis verosímil ao contraste entre o devalo da
taxa de actividade e o lixeiro ascenso da ocupación pode atoparse, entre
outros factores, na precarización do mercado laboral e depauperamento
do “Estado do Benestar”. Isto é, as oportunidades laborais en Galiza son
de tan baixa calidade e o sistema de protección tan escaso que deixa de
ser sostible permanecer como demandante de emprego.

Só uns días após a publicación da EPA, os datos do paro publicados
polo SEPE de Xaneiro confirmaban algunha das lecturas que apuntamos. Á
marxe de liderar a suba de demandantes inscritas no conxunto do Estado
(+3,34% en Galiza, +1,4% no Estado), soubemos da redución da porcentaxe
de paradas beneficiarias da prestación de desemprego: menos da metade
percibe algún tipo de prestación e destas, tan só o 42% ten dereito á
prestación contributiva (o 20% do total). Deste modo, enfraquece a
cobertura social. Se, dunha banda, temos unha oferta laboral repleta de
mini-jobs á medida da empresa e, doutra, uns servizos de emprego
ineficientes incapaces de dar cobertura á exclusión real, resulta
perfectamente comprensible que as saídas procuradas por unha grande
parte de traballadoras e traballadores se sitúen fóra deste marco.
En cómputo anual, o SEPE revelaba o predominio abrumador da
temporalidade nas novas contratacións. Dos contratos iniciais asinados
en 2015, só o 4'76% eran indefinidos. Unha porcentaxe máis dun punto
inferior ao mesmo cálculo en 2007 (6%).

Tamén coñecemos, a partir dun informe publicado por Intermón Oxfam
(Una economía al servicio del 1%) e o debate posterior que suscitou, que
o Estado español encabeza, só por tras de Chipre e Grecia, o incremento
da desigualdade dentro dos países da OCDE. O salario medio estatal caeu
desde 2007 máis dun 20% e, segundo o informe, só 20 persoas alcanzan
unha fortuna de 115.100 millóns de euros. Parece que as reformas
laborais cumpren os seus obxectivos.
Hai case unha década comezamos a transitar cara un novo modelo de
relacións laborais onde, dun lado, o descenso da taxa de paro non
significa creación de postos de traballo e, doutro, ter emprego non
garante o acceso a unha vida digna. As cifras continúan ilustrándoo
inequivocamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario