venres, 26 de febreiro de 2016

O PP cualifica de "catastrofismo nacionalista" as críticas sobre a situación do galego

“Non podemos aceptar o seu carácter catastrofista sobre a situación do galego, un criterio que parte fundamentalmente da ideoloxía nacionalista”. O portavoz de Cultura do Grupo Popular no Parlamento, Agustín Baamonde, defendeu esta mañá os "avances notorios que viviu o galego nos últimos anos", que segundo o PP recolle o informe da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM), un documento en realidade crítico coa actuación das distintas administracións.
Para Baamonde, as críticas da oposición terían como obxectivo “avivar un debate social sobre a lingua que está totalmente pacificado”
Baamonde incide na posición que mantivera a pasada semana na cámara, onde salientou o apoio da Xunta ao idioma, pero desta volta carga contra os partidos da oposición, aos que lles critica a súa “visión catastrofista, maniquea e sesgada” respecto da situación do galego. Unhas críticas que -engade- terían como obxectivo “avivar un debate social sobre a lingua que está totalmente pacificado”. Ademais, liga estas visións ao que o PP denomina na súa nota de prensa "catastrofismo nacionalista".
O voceiro popular salientou que o devandito informe “felicita ao Estado español porque a situación respecto a 2012 mellorou considerablemente, constatando o moi elevado nivel de protección que teñen as linguas rexionais e minoritarias en España”. E volve destacar destaca "o incremento do número de medios de comunicación audiovisual que emiten parte da súa programación na lingua propia", así como "o notable incremento do uso do galego nas actividades culturais e con máis moderación en ámbitos como o comercio e o económico".
Defendeu os "avances notorios que viviu o galego nos últimos anos"
De igual xeito, Baamonde rexeitou “a imposición das linguas polos poderes públicos" e afirmou que "non podemos aceptar o criterio de inmersión, senón o equilibrio entre as linguas”. O representante do Partido Popular pechou a súa intervención criticando que os grupos da oposición "estean a reanudar e insistir na batalla contra o decreto do plurilingüismo”, engadindo que “teñen a batalla perdida porque a súa legalidade xa quedou confirmada por diferentes tribunais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario