luns, 29 de febreiro de 2016

Escritores e políticos defenden a pluralidade lingüística en España

Entre os asinantes está o escritor Manuel Rivas, o ex ministro Francisco Caamaño, o catedrático Ramón Máiz ou Fernando Ramallo, representante de España na Comisión de Seguimento da Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias do Comité das Rexión.

"Manifesto polo recoñecemento e o desenvolvemento da pluralidade lingüística en España". Así se chama o documento que asinaron preto de 240 persoas entre académicos, filósofos, historiadores, políticos, xornalistas ou escritores en defensa dun estado plurilingüe e pluricultural.
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com
O manifesto, asinado entre outros por Carmen Riera, Manuel Rivas, Bernardo Atxaga, Daniel Innerarity ou Manuel Cruz, presentouse este xoves na sede da Asociación de Xornalistas Europeos, e destaca que "o pluralismo non é a excepción senón a regra nas sociedades humanas". O documento, de dez puntos, tamén suliña que "España tamén é, e sempre foi desde a súa orixe, un país multilingüe".
Engade que "o plurilingüismo non serve só para recoñecer legalmente o carácter multilingüe dos territorios, senón que aspira a que todos e cada un dos cidadáns sexan ou se sintan plurilingües; é dicir, poidan coñecer máis dunha lingua ou valoren a súa convivencia con máis dunha lingua".
Na presentación falaron Fernando Rodríguez Lafuente e Carles Martí Jufresa, codirectores do "Seminario Multidisciplinar polo Plurilingüismo en España", do que xurdiu este documento. Durante a presentación, Carles Martí afirmou que "en ningún lugar os límites administrativos coinciden cos territorios onde se fala unha lingua concreta, neste sentido España non é ningunha excepción".
Mentres que Fernando R. Sinalou que, nesa etapa, obviouse a riqueza cultural colectiva que "representan as distintas linguas que se falan no territorio do Estado Español".
Tamén asinaron o manifesto o ex ministro de xustiza, Fran Caamaño, Ramon Maiz e Alberto López Basaguren, catedráticos de Dereito Constitucional e Joaquim Coll, historiador. Ademais de Fernando Ramallo, representante de España na Comisión de Seguimento da Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias do Comité das Rexións e Angel López, Maria Luisa Calero, Josefa Dorta, Miguel Casas e Ricart Morant, catedráticos de Lingüística

Ningún comentario:

Publicar un comentario