xoves, 25 de febreiro de 2016

O nivel de estudos dos pais repercute no rendemento preescolar

Unha tese de Ourense revela a influencia nos escolares da posición laboral e a formación de pais e nais.

Durante a primeira infancia, a familia na que un neno ou unha nena medra é a influencia máis directa e importante no seu desenvolvemento, compartindo no momento da súa escolarización a responsabilidade educadora coa escola. Neste contexto, existe un crecente interese por estudar o impacto que teñen as variables estruturais familiares na aprendizaxe nos primeiros anos de vida e identificar os preditores do rendemento escolar. Na súa tese de doutoramento, a psicóloga María Martiña Eslava estudou en profundidade as variables de carácter contextual familiar que interveñen e/ou condicionan o desenvolvemento e a aprendizaxe adquiridos polo alumnado de tres a seis anos.
A tese foi dirixida por Manuel Deaño e Sonia Alfonso e presentada na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. “A aprendizaxe é un proceso continuo que se desenvolve desde o nacemento e que está marcado por etapas nas que se produce a consolidación do adquirido, con cambios de orientación nos comportamentos dos nenos e nenas”, indica a xa doutora. Segundo explica, os tres, catro e cinco anos son períodos de adquisición de aprendizaxes iniciais onde a familia como primeira contorna de socialización ten unha influencia moi importante.
O estudo realizado xorde coa intención de axudar a reducir as dificultades de aprendizaxe derivadas da desigualdade. Eslava Nodar salienta que “conforme ao esperado, as habilidades básicas para a aprendizaxe formal adquírense pola influencia conxunta das variables da experiencia obtida no curso e o nivel de estudos do pai e da nai”. Alén de incidencias concretas de variables, o máis importante para a aprendizaxe do infante, conclúe, é a creación de “contornas cognitivas estimulantes”, experiencias compartidas entre os nenos e nenas e os proxenitores, como o xogo, a conversación, a lectura compartida, actividades de ocio ou o uso de Internet e as TICs. Estas formas son as que contribúen ao desenvolvemento das súas habilidades, como o desempeño verbal e a alfabetización.
O acceso a Internet nos fogares axuda ao rendemento escolar do alumnado
Entres os aspectos concretos detectados durante a investigación, atopouse que “a variable nivel de estudos do pai influencia significativamente as puntuacións de rendemento dos escolares, mostrando un incremento diferencial das mesmas en función dos estudos do proxenitor”. Tamén se encontrou que a actividade laboral da nai inflúe no desenvolvemento das habilidades básicas para a aprendizaxe. “Os fillos de nais con categorías profesionais máis altas obteñen mellores desempeños no rendemento escolar, non resultando estatisticamente significativa a categoría ocupacional do pai”, indícase na tese de doutoramento. Pola súa banda, o nivel de estudos da nai pasa a ser unha variable fortemente relacionada co rendemento educativo dos fillos en 4º e 5º curso de Educación Infantil.
O acceso a Internet, sinala a investigadora, tamén influencia significativamente as puntuacións de rendemento escolar. “Ter acceso a Internet no fogar supón unha maior puntuación nas habilidades preescolares dos nenos e nenas, fronte aos que non dispoñen deste recurso na súa casa”, afirma.
Os resultados mostraron tamén que a educación dos pais e a actividade laboral do pai predín o desempeño cognitivo da habilidade verbal, cuantitativa, espacial, de memoria auditiva e de viso-motricidade dos nenos de educación preescolar de catro e cinco anos de idade.
Á vista de todos estes datos, apunta a investigadora, non deixa de ser “desconcertante constatar as desigualdades tan grandes de oportunidades para os nenos e nenas, mesmo nunha sociedade democrática como a española”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario