martes, 23 de febreiro de 2016

A importancia da identidade dixital, polo miúdo este 25 no CDTIC

Este 25 de febreiro temos unha cita no Centro Demostrador TIC de Santiago cos recursos máis avanzados dos que dispoñemos para promovernos, amosar experiencia e coñecemento e obter as mellores e meirandes ofertas profesionais. Falamos do seminario Marca Persoal e identidade dixital, incidencia sobre o emprego, que se vai desenvolver de 17.00 a 20.00 horas. O programa da xornada abrangue temas como os conceptos de marca persoal e identidade dixital, o papel do correo electrónico, as ferramentas existentes para o posicionamento profesional na rede ou a estratexia de employer branding (fidelización de capital humano).
Segundo informa o CDTIC, trátase “dun programa de interese se consideramos o valor diferencial do coñecemento e do talento no actual escenario dixital e global, no que as persoas deben amosar o seu saber facer no desenvolvemento profesional e as empresas e organizacións deben resultar atractivas para atraer e reter o talento”.
Este seminario está destinado sobre todo a profesionais de RRHH e, en xeral, a todas as persoas que consideren que o talento e o saber facer resultan clave na actividade profesional persoal ou na actividade da súa organización. O encargado de impartir a sesión será Xosé Alberte Cea, profesional que exerce como orientador laboral e que conta con experiencia como titor, formador, relator, promotor de actos de networking e impulsor de proxectos de emprendemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario