venres, 26 de febreiro de 2016

Avogan por tirar partido de novas linguaxes para situar a nosa cultura na Rede

A sede do Consello da Cultura Galega acolleu onte unha completa sesión de relatorios e debates sobre Galicia na Internet. Tratáronse temas como a linguaxe multisensorial, a renovación dos procesos editoriais, as novas formas de contar e, por suposto, a necesidade de seguir construíndonos como pobo cunha cultura propia ao abeiro da Sociedade da Información. Falaron expertos na materia como por exemplo Ramón Salaverría ou Mario Tascón. A xornada Desafíos para a cultura galega no escenario interactivo da Sociedade en Rede veu da man do CCG e máis polo miúdo de Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago. No encontro fíxose un chamamento a prol de “empregar novas linguaxes e novas narrativas para situarnos na Internet”.
Segundo nos conta o CCG, o encargado de abrir as sesións foi o catedrático da Universidade de Málaga, Juan Antonio García Galindo, quen achegou unha reflexión sobre o espazo e o tempo na sociedade actual. Para García Galindo cómpre “repensar o papel das tecnoloxías con enfoques menos compracentes e restándolle un papel prioritario, máis centrado no uso que o soporte”.
Logo, Ramón Salaverría fixo un percorrido polo panorama actual da comunicación, “esta transformación do xornalismo tal e como o comprendemos hoxe”. Na súa opinión o futuro está marcado por cambios en dous planos: o tecnolóxico e o narrativo. Con respecto ao primeiro aspecto, sinalou que “estaremos rodeados de pantallas nas que se cruzarán todos os datos”. No que atinxe á narrativa, Salaverría defendeu un relatorio no que os medios de comunicación mudarán a forma de transmisión de contidos: “Serán multisensoriais, estarán influídos pola realidade virtual e a robotización”. Ao seu xuízo, isto significará unha evolución nos procesos editoriais nos que a figura do xornalista, lonxe de desaparecer, mudará e dará paso a novos perfís profesionais.
Pechou a sesión da mañá Carlos Elías, da Universidade Carlos III de Madrid, quen incidiu na importancia de ir ao miolo da información e de amosar xeitos eficaces de facelo. Tamén aproveitou a ocasión para destacar o contexto no que se insire un coñecemento concreto. Na súa opinión, termos acceso aos datos é importante, pero tamén é relevante a súa compilación, “xa que estes por si sós non din nada”.
Pola tarde, Rosa Franquet, da Universidade Autónoma, achegou conceptos e recursos sobre como situarmos a nosa identidade propia no marco do novo escenario cultural. Segundo fixo saber, “as tecnoloxías son ferramentas de empoderamento da cidadanía”, que permiten introducir contidos que se diferencian dos establecidos polos grandes conglomerados empresariais.
Pechou o evento Mario Tascón, consultor experto en redes sociais, que ofreceu un relatorio sobre as mudanzas do proceso comunicativo e como iso condiciona a creación de contidos, a diversidade e a identidade na sociedade interconectada. Tascón, segundo lembra o CCG, explicou que os medios son “cada vez máis diverxentes, nos que hai unha evolución dos formatos e nos que mudou a cadea de fabricación”. E engadiu: “O esquema comunicativo formado por un emisor e un receptor está obsoleto, agora a estes dous axentes hai que engadir tamén as máquinas, os algoritmos”. Ao seu xuízo, a comunicación flúe agora dun xeito diferente e os profesionais do xornalismo deben comprender como se distribúe agora e chega canda nós, deben actualizarse e a apelar á creatividade e á innovación “como valores esenciais para revitalizar a profesión”.
A xornada do CCG sitúase, en palabras da organización, “nunha liña de traballo que incita á reflexión sobre a situación actual e que procura dar claves para que os actores culturais teñan unha maior incidencia social e consigan unha maior eficiencia”. Baixo este paraugas organizáronse xornadas como Cultura e comunicación no século XXI ou Xogar coa cultura, entre as máis recentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario