martes, 2 de febreiro de 2016

A Plataforma Estatal pola Escola Pública rexeita o “Plan Estratéxico de Convivencia Escolar” por ser elaborado de costas á comunidade educativa e, por tanto, non asistirá ao acto mediático montado para a súa presentación

As organizacións que integran a Plataforma Estatal pola Escola Pública, entidades da máxima representación no ámbito educativo e que forman parte do Consello Escolar do Estado na súa inmensa maioría, rexeitan o denominado “Plan Estratéxico de Convivencia Escolar” por ser elaborado de costas á comunidade educativa por un ministerio en funcións que só busca un novo impacto mediático, baseado, como todos, nun novo engano á cidadanía.
Un acto no que se presenta un Plan que non conta coa participación, nin na súa configuración nin no seu desenvolvemento pola Comunidade Educativa, no que se dá a palabra a expertos “” que contarán as supostas excelencias do devandito Plan aos “invitados”, mentres que estes serán meras comparsas do espectáculo e que, para que poidan seguir adecuadamente o evento recoméndaselles “ traer impreso o documento do borrador do Plan porque non se poderán repartir fotocopias.” Evento no que se desprazarán “expertos” desde Barcelona e Valencia pero que non ten orzamento para fotocopias para os que deberían ser os actores do Plan e non meros invitados que garden silencio e aplaudan.
Este acto é un máis dun cúmulo de despropósitos que duran xa catro anos, e que deben acabar canto antes, realizado desde un ministerio que, dirixido por dous Ministros cun teórico perfil persoal diferente, comportouse toda a lexislatura como unha máquina imparable de expresar desprezo á Comunidade Educativa, que impuxo unha Lei que tenta recuperar un modelo fracasado que pertence ao período predemocrático, e que tenta vender a súa suposta preocupación pola convivencia nos centros educativos cando lexislou contra a mesma de forma decidida, tomando decisións que romperon dita convivencia de forma flagrante.
Neste momento, o único anuncio que a Plataforma Estatal pola Escola Pública quere escoitar, é o cambio de responsables no Ministerio de Educación como consecuencia da configuración dun novo Goberno de distinto perfil ao actual, e o acto ao que esperan ser convidadas as entidades que a integran é aquel en o que se aprobe a derrogación da LOMCE e de toda a lexislación educativa igualmente nefasta que se puxo en marcha no últimos catro anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario