mércores, 3 de febreiro de 2016

A Universidade da Coruña, entre as máis influentes nas redes sociais

A institución académica ocupa o posto 49 entre as cen entidades e persoas de relevancia no sector universitario en España e o 38 só entre as institucións académicas. Tamén destaca a Universidade de Vigo.

A Universidade da Coruña (UDC) está entre as universidades máis influentes nas redes sociais en España. Así o salienta a propia institución coruñesa con datos de Klout, ferramenta que mide a influencia social das contas en redes cunha puntuaxe entre 0 e 100, baseada en máis de 400 parámetros, como o número de seguidores en Twitter, os fans en Facebook, as recomendacións nun perfil en LinkedIn, os consellos compartidos a través de Foursquare no momento de evaluar servizos ou lugares, etc.
En total, a UDC ten agora 58 puntos e sitúase no posto 49 de 100 entidades e persoas de relevancia no sector universitario en España. O promedio está en 40, polo que se considera influente todo aquel que supere ese nivel, e moi influente para o grupo do 5% que se sitúa sobre os 60 puntos.
ránking do grao de influencia universitaria en España está encabezado pola Universidade de Harvard, seguido pola de Cambridge, ambas as dúas con 99 puntos; a primeira española é a Universidade de Granada, que ocupa o posto 7, mentres que a Universidade da Coruña é a primeira de Galicia.
Na clasificación exclusiva de contas de institucións universitarias —é dicir, excluídas as contas de persoas vinculadas ao ámbito académico— a UDC ascende até o posto 38 e aparece entre as 50 primeiras a Universidade de Vigo, no posto 46, con 56 puntos.
Esta clasificación non é un índice só cuantitativo, que mida o número de seguidores ou de contidos xerados nas redes sociais, senón que ten en conta a capacidade de influír que ten ao transmitir os seus contidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario