mércores, 3 de febreiro de 2016

O Premio Proxecto Fin de Carreira chega a súa sétima edición da man do CPEIG

Dende o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anuncian a sétima edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, encamiñado a estudantes e acabados de titular en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría en Informática. Cómpre dicir que esta convocatoria insírese nos Premios da Oitava Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará en Santiago de Compostela.
E quen pode participar no Premio Proxecto Fin de Carreira? Pois optarán ao premio, que ascende a 1.000 euros, todas aquelas candidaturas que presentasen o proxecto de fin de carreira de Enxeñaría en Informática, traballo fin de máster de Enxeñaría Informática ou de calquera outra titulación que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión. Os traballos deberon presentarse durante os anos 2014, 2015 ou 2016 nunha das universidades galegas.
Para formar parte do Premio do CPEIG, os estudantes poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) até o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.org.
O xurado que valorará os traballos recibidos e elixirá ao gañador será unha comisión experta, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñíbeis no portal do CPEIG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario