O sindicato salienta que o taxa de reposición provocou xa a desaparición dun mínimo de 46.496 prazas no ensino público e que nos vindeiros dez anos 200.000 docentes deberán ser reemprazados. Se extrapolamos os datos aos centros galegos, que suman o 6,4% do total de prazas, atopamos que a taxa de reposición afectou a unhas tres mil prazas nos últimos anos, que foron amortizadas e que poderían ter sido ocupadas por novas e novos profesionais. CC.OO. calcula, ademais, que na vindeira década serán necesarios 200 mil novas mestras e mestres en todo o Estado para cubrir as prazas que deixará o persoal que chegue á idade de xubilación. En Galicia serán necesarios, para manter o actual ratio, ao redor de 13 mil mestras e mestres.
CC.OO. indica, ademais, que o peso relativo do profesorado menor de 30 anos reduciuse nun 38% entre os cursos 2005/06 e 2012/13. A OCDE considera que o resultado de dividir o número de docentes menores de 30 anos entre o número de docentes maiores de 50 debe ser igual a 0,5. Porén, a ratio en España é de 0,17, a terceira parte. En Galicia, a situación é moito máis grave: a ratio é de 0,09, a metade da española e máis de cinco veces por debaixo do recomendado.
Menos de 30 | 30-39 | 40-49 | 50-59 | 60-64 | Máis de 65 | |
---|---|---|---|---|---|---|
Galicia | 3,91 | 22,46 | 32,07 | 34,76 | 5,45 | 1,28 |
España | 5,05 | 26,05 | 27,62 | 28,28 | 2,46 | 0,33 |
Os datos galegos son moi negativos, tanto se os comparamos cos das restantes comunidades autónomas coma se os poñemos en perspectiva coa situación existente hai uns anos. Por exemplo, a porcentaxe de mestras e mestres menores de 30 anos (3,91%) é inferior á medida española (5,05%) e sitúase entre as máis baixas por territorios, só mellorando as de Asturias, Estremadura, Murcia e Canarias. Se analizamos todo o profesorado menor de 40 anos e que en Galicia representa o 26,37%, este dato aínda de afasta máis da media estatal (31,1%), mellorando unicamente o dato canario e asturiano. Pola contra, o 41,49% conta con máis de 50 anos, fronte ao 31,07% no conxunto do Estado (cómpre sinalar que nos datos estatais faltan os correspondentes á Comunidade Valenciana, que figuran como non consta).
O 41,49% conta con máis de 50 anos, hai unha década esta porcentaxe era do 36,05%A situación é hoxe distinta á que se daba en Galicia hai unha década, no curso 2004-05. Naquel ano, dos 28.796 docentes nos centros de ensino público, en primaria e secundaria, o 4,37% (1.257) tiñan menos de 30 anos, e un 27,22% (7.837) tiñan menos de 40 anos. E, se hoxe o o 41,49% conta con máis de 50 anos, hai unha década esta porcentaxe era do 36,05%. Naquel ano, o devandito ratio proposto pola OCDE era algo mellor (0,12).
O sindicato sinala nas conclusións do seu estudo que os cadros de persoal, actualmente moi limitados, "condicionan a procura de solucións non axeitadas, coma a ampliación de materias alleas ás áreas de competencia do profesorado e a sobrecarga de tarefas administrativas". "O problema debe paliarse coa creación directa de emprego docente", destacan. Tamén defende que "é preciso mellorar as condicións laborais como mecanismo para facer máis atractiva a profesión docente". E advirte de que "a cronificación dos recortes aumenta as dúbidas sobre a calidade presente e futura do ensino e da aprendizaxe".
Ningún comentario:
Publicar un comentario