Incluídas no cuestionado Plan de Dinamización Demográfica -tramitado no Parlamento en apenas catro horas-, as casas niño son, segundo a Xunta, unha "nova fórmula para a conciliación no medio rural" cunha vocación, a priori, puramente asistencial, toda vez que consiste no acollemento de nenos e nenas de 0 a 3 anos durante determinadas horas "no propio domicilio" das persoas que se inclúan no proxecto, obviando en boa medida, polo tanto, a dimensión comunitaria ou pedagóxica. Con este obxectivo a Consellería de Benestar vén de iniciar os trámites para contratar unha empresa privada que imparta formación para "futuros profesionais das casas niño".
Benestar disponse a organizar catro cursos para que persoas de Lugo e Ourense coiden nenos e nenas dende os seus domiciliosO que a Xunta se dispón a contratar son, concretamente, dous cursos na provincia de Lugo e outros tantos na de Ourense. As accións formativas terán que ser impartidas por persoas tituladas en pedagoxía, psicoloxía, mestres ou técnicos en educación infantil, persoas licenciadas ou diplomadas "no ámbito sa nitario" ou persoas cunha licenciatura ou diplomatura "no ámbito da xestión e administración de empresas", así como con experiencia profesional en atención á infancia ou a docencia. No entanto, o alumnado, que será seleccionado "a través das oficinas de emprego", só terá que ter rematada a ESO e "estar en disposición de crear unha Casa Niño no seu fogar", no caso do curso de capacitación integral. No de capacitación complementaria si terán que esta titulados en educación infantil, pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía ou equivalente.
Ambos curso inclúen contidos como saúde infantil, desenvolvemento cognitivo e motor, habilidades sociais, xogo ou autoemprego. O primeiro terá unha duración de 400 horas e o segundo, 175. As persoas que os realicen poderán recibir nenos e nenas nas súas casas se no seu ámbito de influencia non hai unha escola infantil ou un punto de atención á infancia.
A Xunta e o PP defenderon e favoreceron a desaparición de Preescolar na Casa argumentando que o seu labor ficara obsoletoEsta formulación da atención á domicilio contrasta co argumentario ofrecido dende o PP e dende o propio Goberno para defender a liquidación de Preescolar na Casa. "O rural de hoxe non ten nada que ver co de hai tres ou trinta e catro anos", defendía Beatriz Mato a finais de 2012, argumentando ademais que "son moitos anos como para saber autoxestionarse" sen "dependencia de ningunha administración". Na mesma liña, a parlamentaria Marisol Piñeiro considerou que Preescolar na Casa xa non era necesario, toda vez que a súa existencia só se xustificaba no contexto dun rural sen "rede viaria", sen escolas infantís ou cun acceso "moi limitado aos medios de comunicación".
Mentres o Goberno se dispón a financiar estas casas, persoal e persoas achegadas a Preescolar na Casa tentan manter vivo o proxecto e o espírito do traballo feito durante tres décadas a través da asociación socioeducativa Antonio Gandoy. Dende esta nova entidade preservan o labor desenvolvido e desenvolven novas accións socioeducativas. Paralelamente, a propia Consellería de Benestar reclámalle á desaparecida Fundación Preescolar na Casa a devolución dunha axuda de 422 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario