Denuncia que non está contemplado nos orzamentos e exixe a devolución do 100% das pagas extra destes anos.
A Área Pública da CIG cualificou de
“burla” ás empregadas e empregados públicos galegos o anuncio que este
mércores fixo o Presidente da Xunta de Galiza na sesión de control do
Parlamento onde asegurou que se creará un fondo retributivo para a
“recuperación paulatina” do complemento específico das dúas pagas
extraordinarias. María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública
denuncia que é “pura propaganda”, coa pretensión de “manipular á
opinión pública” e reclama a reposición do 100% das pagas extra e o
cumprimento das sentenzas xudiciais.
López Santamariña explicou que “paulatinamente” significa “de
forma lenta e gradual” e lembrou que Feijóo, acompañando ese anunciou
“coidouse moito de especificar canto de lenta e gradual será esa
devolución”.
Lembrou ademais que para facer calquera devolución
ten que haber unha partida orzamentaria destinada a tal fin que “non
está habilitada nos orzamentos para 2015” e que o único que está
contemplado é a devolución do 25% da paga extra de 2012. “Devolución que
nin sequera se fará efectiva ao completo en 2015 xa que a previsión do
goberno, tal e como tamén anunciou Feijóo, é que se faga a prazos: unha
parte no vindeiro ano e a outra en 2016”.Ante isto, a portavoz da Área Pública da CIG, preguntouse en que momento comezará a facerse esa devolución “paulatina” e considerou unha “irresponsabilidade” e un “insulto” que se faga este anuncio cando “neste momento xa temos sentenzas que condenan a administración galega a devolver a parte correspondente da paga extra do ano 2012, comezaron a chegar tamén as sentenzas referidas á de 2013 e en 2015 teremos que presentar demandas polas pagas extra de 2014”.
Fronte a esta situación, López Santamariña reclamou a devolución do 100% das pagas extra e denunciou o “despropósito” do reintegro de 2012 en dúas anualidades, que aínda “non se sabe nin como se vai devolver exactamente”.
Segundo o Presidente da Xunta esta medida aprobarase mañá no Consello da Xunta e será incluída na “denostada” Lei de Emprego Público. A este respecto, María Carme López Santamariña explica que é nos complementos específicos onde ten capacidade de regulación a Xunta de Galiza porque as retribucións base e os trienios comúns están regulados polo Estado. Denunciou que “por iso en Galiza temos o 40% de recorte con respecto ás retribucións do goberno español e outras comunidades que si cobran as extra completas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario