mércores, 3 de decembro de 2014

A CIG-Ensino gaña as sentenzas contra o recorte da paga extra

As primeira sentenzas contra o recorte da paga extra do ano 2013 son a favor da CIG-Ensino e obrigan a consellaría a pagar os xuros desde que se apresentou a  reclamación en vía administrativa. 

O Contencioso Administrativo da Coruña ditaminou a favor da CIG-Ensino no contencioso contra o recorte da paga extra ao profesorado do ano 2013. Os dous xulgados recollen no seu ditame a obriga da Consellaría de pagar os xuros legais desde que se presentou a reclamación en vía administrativa.
As primeiras sentenzas que se ditaminan en Galiza seguen na liña das que recoñeceran o pagamento dunha parte da extra de Nadal de 2012, referíndose neste caso á extra de xuño de 2013. Para o sindicato nacionalista, trátase dun “comportamento absolutamente antidemocrático e irrespectuoso da Xunta co seu persoal, toda vez que o goberno galego era plenamente consciente de que a xustiza ía recoñecer o mesmo dereito que vén recoñecendo para a paga do 2012”.
A CIG reclamara xa na Mesa Xeral de Función Pública á Xunta que aportase a parte da paga extra de xuño de 2013, unha vez que a xustiza xa recoñecera a obriga de pagar a parte proporcional da extra de Nadal do ano anterior. “É unha auténtica irresponsabilidade e unha burla ao profesorado que cando xa existen sentenzas claras que condenan a administración galega a facer fronte ao pagamento dunha parte da paga extra, o goberno mire cara outro lado para prolongar todo o posíbel no tempo un pagamento que finalmente terá que efectuar”, valoran desde o sindicato nacionalista que tamén promoverá reclamacións contra os recortes das extras de 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario