Un total de 2.376 transportes escolares foron denunciados,
principalmente por irregularidades administrativas, durante a campaña de
vixilancia dos mesmos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) entre os
pasados días 24 e 30 de novembro, case a metade dos 5.379 vehículos
controlados. A falta de autorización especial de transporte escolar e do
seguro de responsabilidade ilimitado seguen sendo as irregularidades
máis numerosas.
A DXT destaca que nesta campaña, na que aumentou un 22% o número de
vehículos controlados respecto da anterior, un condutor de transporte
escolar deu positivo na proba de alcoholemia e outro en drogas. A persoa
que deu positivo en alcol era un condutor dun autobús que transportaba a
66 menores na provincia de Murcia. Os feitos ocorreron á primeira hora
da mañá do luns 24 de novembro cando axentes da Agrupación de Tráfico da
Garda Civil estableceron un control e apreciaron que o condutor
mostraba síntomas externos de inxerir bebidas alcohólicas.
Por iso fóronlle practicadas as probas de alcoholemia, que arroxaron un
resultado de 0,34 e 0,32 miligramos de alcol por litro de sangue
expirado, superando en máis do dobre a taxa máxima permitida para este
tipo de condutores, fixada legalmente en 0,15. O vehículo foi
inmobilizado e o condutor denunciado por unha infracción que leva
aparellada unha sanción de mil euros e a perda de seis puntos do carné
de conducir.
Ademais, outro condutor de transporte escolar foi imputado por levar o
vehículo sen puntos no carné e foi posto a disposición xudicial. Por
outra banda, seis condutores foron denunciados por circular a velocidade
superior á permitida.
Respecto ao cinto de seguridade, nas inspeccións realizadas polos
axentes constatouse que vinte e seis vehículos que dispuñan destes
sistemas de retención presentaban anomalías no seu funcionamento,
mentres que vinte e oito circulaban sen a inspección técnica en regra.
As irregularidades administrativas son as que maior número de denuncias
xeraron.
Por exemplo, non dispor da autorización especial para realizar
transporte escolar supuxo a denuncia a 1.784 condutores e non ter
subscrito un seguro de responsabilidade ilimitado, como esixe a lei, deu
lugar a 363 denuncias. Os axentes tamén comprobaron que 187 vehículos
de transporte escolar presentaban deficiencias nas portas de servizo e
urxencias así como nos seus dispositivos para accionar.
Ademais, 51 condutores foron denunciados por exceso de tempo de
condución ou minoración do descanso e outros 78 por non levar no autocar
a unha persoa encargada do coidado dos menores cando así procedía. A
DXT comenta que a súa preocupación para que o transporte de menores se
realice de forma segura leva aos axentes a realizar permanentemente
controis neste tipo de vehículos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario