O pasado xoves a Asociación PuntoGal celebraba en Vigo
un acto no que
daban conta do remate da Fase de Lanzamento do dominio .gal, e anunciaba
que o dominio para a sociedade galega abriría o seu rexistro ao público durante
a xornada de hoxe, de xeito que ao longo da mañá puidemos ver como, por unha
banda, calquera persoa podía rexistrar un dominio .gal a través dunha
serie de axentes rexistradores, e
por outra, activábanse preto dun milleiro de dominios .gal procedentes da fase
de rexistro anterior.
Temos así toda unha xornada histórica na que centos de dominios co sufixo .gal,
entre os que se atopa codigocero.gal, entraron en funcionamento, de xeito que
nas vindeiras semanas veremos como numerosas institucións e servizos da nosa
terra mudarán os seus nomes na Internet, comezando a dar prioridade ao
indicador galego á hora abrirse ao mundo.
- O dominio codigocero.gal entrou en funcionamento esta mesma mañá
Estes días tamén se solucionaron os problemas técnicos que impedían a
activación de certos dominios do Programa Pioneiros, que resultaban bastante
representativos, de xeito que finalmente a Compañía da Radio Televisión de
Galicia xa pode empregar efectivamente o dominio crtvg.gal, e incluso o
operador de telecomunicacións R pode gozar dun nome de dominio moito máis claro
que o actual, e presumir dun identificación na Rede tan rechamante como r.gal.
- Dende hoxe é
posible rexistrar directamente dominios .gal a través dunha serie de
axentes rexistradores como a empresa compostelá Dinahosting
Dentro destes nomes de dominio tamén se espera a pronta posta en funcionamento
de xunta.gal e cultur.gal, e precisamente sobre este último cómpre destacar que
o evento non só estreará tan representativo dominio, senón que tamén
contará
coa presenza da directora xeral da Asociación PuntoGal, Edita de Lorenzo, o
vindeiro venres ás 19:00 no Espazo Foro, onde dará conta da situación
actual do dominio .gal e do seu valor para a dinamización da cultura galega.
A partires de hoxe os dominios .gal pasan a comportarse como practicamente
calquera outro dominio da Internet, de xeito que calquera pode proceder ao seu
rexistro, sempre que logo se faga un uso do mesmo que se adapte á normativa do
propio dominio (con condicións como ter contidos en galego ou dirixidos á
sociedade galega).
Ningún comentario:
Publicar un comentario