martes, 2 de decembro de 2014

22.918 asinan a ILP que defende o profesorado e o ensino público

A Comisión Promotora da ILP entregou esta segunda feira 22.918 sinaturas en defensa do profesorado e do ensino público. O profesorado "asumiu como propia" a iniciativa, sinala Anxo Louzao. 

Case 23.000 persoas apoian a Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza. Unha representación da Comisión Promotora entregou o conxunto de apoios, recollidos maiormente entre docentes, na Xunta Electoral de Galiza, das que foron validadas 21.589.
Máis de 1.000 asembleas desenvolvidas nos centros de ensino no primeiro trimestre do curso constataron, segundo o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao que o profesorado “asumiu como propia” a campaña e a recollida de sinaturas.  “Esta ILP quere trasladar ao Parlamento a voz do profesorado e está centrada en restituír os dereitos laborais, salariais e profesionais arrebatados polo Partido Popular durante estes anos. Condensa e recolle unha serie de propostas e medidas para crear emprego e pór en valor o ensino público como único garante da igualdade de oportunidades”, explicou Anxo Louzao no acto de entrega das sinaturas na mañá desta segunda feira.
Xuntanzas cos grupos parlamentares
A partir de agora, a Comisión Promotora iniciará un proceso de xuntanzas cos grupos parlamentares para lles presentar o contido da ILP. “Existe a posibilidade de que o  PP pase o pisón aínda así, o compromiso que manifesten o resto das forzas políticas coa ILP poderá sentar as bases para a aprobación, si se produce un cambio de goberno, dunha nova lei para o sistema educativo galego”, advertiu o secretario nacional da CIG-Ensino.
A ILP esixe a derrogación da LOMCE e demanda un ensino laico e a eliminación dos concertos educativos, de maneira especial nos centros que segregan por xénero. Reclama no seu articulado a elaboración por parte do Goberno galego dunha lei de educación que responda ás necesidades e intereses galegos, que garanta a escolarización gratuíta de 0 a 18 anos e que contemple o ensino como “un elemento de cohesión fundamental”.
Polos dereitos do profesorado
En canto aos dereitos laborais e profesionais do profesorado, demanda a recuperación dos salarios e pagas extras completas, a creación de emprego coa supresión da taxa de reposición, a redución do horario lectivo ademais do dereito á formación permanente e á xubilación anticipada. En vésperas de que se desenvolva a xornada de votación o vindeiro día 4, a ILP reclama un sistema de elección sindicais por centro escolar.
O modelo recollido na ILP defende un ensino público como “garante da igualdade de oportunidades, con medidas concretas que supoñan a mellora da calidade como a redución das ratios, dotación aos centros de profesorado suficiente, un plan para reducir o fracaso escolar, substitución das baixas  de profesorado ou gratuidade dos libros de texto, entre outras”.
A presenza da lingua galega no ensino é tamén tema da ILP que demanda a galeguización do ensino  con medidas que inclúen a galeguización dos contidos educativos ou o plan de formación do profesorado, ademais da derrogación do Decreto do Plurilingüismo que veta o uso das nosas linguas en materias como Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química.

Ningún comentario:

Publicar un comentario