O presidente da Mesa fixo este chamamento na súa intervención nas XI Xornadas sobre lingua e usos. Lingua e universidade, organizadas polo SNL da Universidade da Coruña.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, participou esta mañá nas XI Xornadas sobre lingua e usos. Lingua e universidade, organizadas polo SNL da Universidade da Coruña, onde reclamou que a Xunta acepte o ofrecemento feito polas universidades para avaliar a implantación do “mal chamado” decreto de plurilingüismo.
O presidente da Mesa introduciu a palestra arredor
do “Compromiso social das universidades na normalización lingüística”,
na que participaban tamén Filipe António Fernández Diez, pefesor e
exalumno da UDC, e Nel Vidal Barral, presidente da CTNL e técnico de
normalización no Concello de Carballo.
Maceira destacou na
súa intervención o importante papel que a Universiade ten que
desenvolver para lle devolver á lingua de Galiza o prestixio social que
lle foi arrebatado tras séculos de imposición do español e exclusión do
galego de todos os ámbitos de prestixio, tamén dos relacionados co saber
e o coñecemento científico, sobre todo nun contexto como o actual no
que prexuízos que criamos superados “reverdeceron con forza en
determinados ámbitos da sociedade galega nos últimos anos grazas á
irresponsabilidade do PP, que non dubidou en os axitar para xustificar
as súas regresivas políticas contra o galego, por exemplo prohibindo que
se utilice a nosa lingua no ensino das matemáticas ou das áreas
cientifico técnicas en toda a educación obrigatoria”.
Maceira sinalou que
este compromiso social obriga as universidades a actuar, paralelamente,
nunha dimensión interna e noutra externa. Na interna, a da normalización
do uso do galego no seo da propia universidade, para “rectificar os
séculos nos que se mantivo de costas ao país e polo tanto á súa lingua”.
Esta rectificación precisa non só do simple recoñecemento do galego
como lingua oficial –tal e como se recolle nos estatutos das tres
universidades galegas-, tamén da “asunción práctica e consciente do que
iso significa”, lembrando que a oficialidade do galego na universidade
será só unha declaración de intencións “mentres a nosa lingua siga
expulsada da maior parte das aulas, dos proxectos de investigación, das
teses e tamén, sen ánimo de ser exhaustivo, da sinaléctica ou da
publicidade dalgúns cursos e actividades da universidade”. Moitos destes
aspectos aparecen sinalados nos plans de normalización das
universidades que están en aplicación nestes momentos. Porén, Maceira
lembrou que os avances neste sentido non están só en mans da
universidade, e afirmou que esta ten que demandar das administracións
regulacións que favorezan o uso normalizado do galego no interior da
propia universidade e que favorezan tamén a corrección das eivas
citadas anteriormente.
Mais o presidente da
Mesa defendeu que a carón dese traballo interno a universidade debe
actuar tamén nunha outra dimensión externa, como é a súa obriga se
apelamos ademais ao seu necesario compromiso e función social. Neste
sentido, Maceira aproveitou a ocasión para parabenizar
en nome da Mesa pola Normalización Lingüística os Servizos de
normalización das tres universidades polo seu ofrecemento para avaliar
os efectos da implantación do decretazo contra o galego no ensino
feito en xullo deste ano, ao tempo que censurou a resposta da Xunta,
“que consistiu en atacar os Servizos de Normalización pola situación do
galego na propia universidade, cun pouco educado “ocupádevos dos vosos
asuntos” como se a Universidade non estivese para estudar o que acontece
na sociedade”. Segundo o presidente da entidade en defensa da lingua, o
goberno, a través das Consellaría de Educación e da SXPL apañou, máis
unha vez, a bandeira da irresponsabilidade, obviando ademais que se ben é
certo que as universidades teñen moito traballo por facer para mellorar
a situación da lingua no seu seo, é a Xunta quen ten a capacidade
lexislativa e executiva sobre as políticas de normalización e que porén,
nos últimos cinco anos se distinguíu non por facilitar a normalización
do galego na universidade, mudando por exemplo o marco normativo adverso
co que baten as iniciativas máis ambiciosas, senón por encabezar
importantes retrocesos, ou por “tolerar que o Goberno español rexeite
solicitudes de bolsas predoutorais polo feito de os títulos académicos
estaren en galego”.
Maceira defendeu que a
Xunta debe rectificar e aceptar o ofrecemento das universidades para
facer unha avaliación seria de como está a funcionar o decreto no
ensino: “En calquera outro país do mundo non habería tal ofrecemento,
senón unha solicitude directa do propio goberno para o facer, máxime
cando o propio decretazo 79/2010 na súa disposición adicional quinta
estabelece a necesidade de avaliar anualmente os resultados derivados da
aplicación deste decreto.”
Este ofrecemento dos
Servizos de normalización produciuse tras o estudo que elaborou A Mesa
sobre o uso do galego nas aulas de infantil das cidades galegas, estudo
que mostraba como o galego está practicamente desaparecido neste ámbito.
Na propia presentación pública deste informe A Mesa fixo un chamamento a
que a Xunta dese a coñecer estes datos no conxunto do país, que se
elaborasen estudos máis exhaustivos e completos para avaliar detidamente
os efectos do decreto no conxunto do distema educativo e se se cumpría o
obxectivo de que o estudantado abandonase o ensino obrigatorio cun
nivel suficiente de competencia oral e escrita en galego. A Mesa
considerou lamentábel que a estas alturas a Xunta se negue a aceptar a
colaboración das universidades nunha cuestión central de tanta
relevancia para o futuro do idioma de Galiza, e destacou que a día de
hoxe só se coñezan os datos que puido recoller a Mesa (coas limitacións
derivadas dos escasos medios cos que conta) e a resposta meramente
propagandística axitada pola Consellaría e a SXPL no Parlamento e medios
de comunicación. “Non hai
dúbida de que se a Xunta non acepta a colaboración das universidades
neste asunto é porque non lle interesa que existan estudos rigorosos e
obxectivos que evidencien as nefastas consecuencias que para o galego
está a ter a súa política lingüística” sentenciou Maceira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario