"O idioma é un herdo/ patrimonio do pobo/ maxicamente vello/
eternamente novo". Dos versos de Manuel María xorde Herdo Novo, unha
campaña de microfinanciamento impulsada por Radiofusión e Irmandade TV co obxectivo de consolidar economicamente estas dúas alternativas de radio e televisión en galego.
"Parecíanos que ao ser dous medios audiovisuais as posibilidades de
colaboración eran moitas", sinala Henrique Sanfiz, director de
Radiofusión, que sinala que "o único obxectivo polo de agora é buscar
esta vía de financiamento conxunto", pero que "non desbotamos que a
colaboración vaia máis alá".
O funcionamento da campaña é moi sinxelo e emprega a ferramenta de micromecenado Teaming.
Todas as persoas que se inscriban comprométense a achegar 1 euros todos
os meses, de forma ininterrompida. O obxectivo é chegar ás dúas mil
doazóns dun euro (2.000 euros mensuais) antes do 31 de decembro. A
campaña acaba de comezar e chegou aos 43 doantes. "Esta é unha campaña
de captación de recursos innovadora nese senso. Cremos que é un tipo de
microfinanciamento asumible por todo o mundo e que que pode ser sostido
no tempo", di Sanfiz.
"Partindo do poema de Manuel María e do
concepto de herdanza, de que o idioma é un herdo, queremos transmitir a
idea de que se as actuais xeracións lles queren deixar en herdanza aos
seus fillos ou netos un idioma vivo, un idioma falado en ámbitos
urbanos, son precisos medios audiovisuais", destaca Sanfiz, que sinala
tamén as coincidencias de ambos os dous medios: "Somos medios cun
compromiso coa sociedade, un compromiso que se traduce na defensa da
sanidade e da educación pública, dos servizos sociais, nunha defensa do
medio ambiente e do patrimonio e unha defensa, por suposto, da lingua e
da cultura galegas".
Información tirada de Praza Pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario