A central sindical vén de presentar ante o Ministerio Público unha denuncia que vai directamente contra o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Ao seu xuízo, o que se perfila como posible alcaldable do PP en Ourense incorreu nunha "presunta malversación de caudais públicos e prevaricación", toda vez que, di o seu secretario nacional, Anxo Louzao, "malia haber sentenza firme declarando ilegais" estes concertos, "esta aínda non foi efectivizada". Os cartos que, calculan, recibiron estes colexios segregacionistas de maneira ilegal servirían para "dotar o ensino público con 220 profesores e profesoras máis".
A Xunta subvencionou os colexios segregacionistas cando aínda era ilegal facelo, segundo o SupremoAsí, no seu escrito ante a Fiscalía, a CIG Ensino reflicte que Educación fixo caso omiso dos seus escritos e especifica que "a falta de liquidación e esixencia das cantidades indebidamente entregadas" a estas empresas "pode ser constitutiva de delitos" tipificados no artigo 432 do Código Penal, "que castiga coa pena de prisión de tres a seis anos e inhabilitación absoluta" de entre seis e dez anos "á autoridade ou funcionario público que consinta que un terceiro", neste caso os colexios segregacionistas, "substraia" con "ánimo de lucro" os "caudais ou efectos públicos que teña ao seu cargo por razón das súas funcións". No caso do presunto delito de prevaricación, tomar unha decisión inxusta a sabendas, a pena contemplada é a inhabilitación especial para emprego ou cargo público de sete a dez anos.
A CIG Ensino denuncia a Jesús Vázquez por presuntos delitos de malversación e prevaricaciónLouzao agarda que o Ministerio Público "leve a cabo as investigacións correspondentes e esclareza as eventuais responsabilidades", toda vez que "non se pode aceptar que un conselleiro de Educación estea ao servizo destes centros retrógrados, que teñen un ideario que é un obstáculo contra a igualdade de xénero". Neste sentido, lembra que a CIG Ensino ten tamén recorridos os concertos educativos outorgados a estes centros para o período 2013-2017, xa que "a súa sinatura foi previa á aprobación da LOMCE", a denominada Lei Wert, que si lles dá cobertura legal a esteas subvencións.
O PP teima en que separar nenos e nenas nas aulas non é "segregar"Mentres a CIG Ensino agarda a resposta da Fiscalía e do xulgado de garda de Compostela, onde tamén formularon a denuncia, o Goberno galego segue sen realizar movemento ningún ao respecto alén do xa manifestado por Alberto Núñez Feijóo tras a sentenza que anulaba os concertos, cando considerou que, dado que o ditame "non aclara" o "asunto" da "devolución", "solicitarase aclaración das sentenzas". Mentres, no Parlamento, a voceira do PP en materia de Igualdade, Rosa Oubiña, aproveitaba este mércores un debate sobre educación para volver defender este tipo de colexios xa que, asegura, a separación de nenos e nenas nas aulas non implica "segregar", senón unicamente unha "educación diferenciada".
Ningún comentario:
Publicar un comentario