O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González, e a súa
directora xeral, Edita de Lorenzo, presentaron onte xoves esta nova fase
na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo, nunha rolda de
prensa na que tamén participou o reitor da Universidade de Vigo,
Salusitano Mato.
Así, a partir do martes poderanse rexistrar os
dominios de forma aberta, que serán concedidos por orde de petición.
Ademais, será ese mesmo día cando se activarán todos os dominios
solicitados nas fases previas, recollidas baixo os nomes de 'Abrente' e
'Carreira', que se sumarán ás case 90 webs pioneiras que xa foron
activadas o pasado 25 de xullo.
Segundo destacaron, o dominio
'.gal' é "o escaparate de Galicia e das comunidades galegas", e servirá
para que os interesados poidan "promover a súa marca, destacar o valor
engadido do seu produto, promover a cultura galega ou destacarse". Así
as cousas, a asociación vai poñer en marcha unha campaña para publicitar
o dominio, baixo o lema 'Os galegos temos un punto'.
"Chegou a
hora da verdade, é hora de ser consecuentes coa nosa identidade, coa
nosa historia, coa nosa realidade social, coa nosa vontade de seguir
vivindo e permanecer no futuro,", manifestou o presidente de PuntoGal,
que asegurou que este dominio tamén ofrece "unha oportunidade" aos
emigrantes para que poidan facer explícita "a súa condición de galegos".
Entre os dominios que xa foron activados atópanse a Xunta de Galicia, a
Real Academia Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Axencia
Tributaria de Galicia, partidos coma o BNG, PPdeG e PSdeG, o Valedor do
Pobo, Gadisa Retail S.L.U., e as tres universidades galegas; ademais,
entre os que se activarán este martes atópanse Google, Facebook,
Wordpress, La Caixa, Gas Natural Fenosa, Televés, Xabarín e Illas Cíes.
Máis información en Galicia Hoxe e Galicia Confidencial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario