O Programa de
formación a docentes organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) ao abeiro do convenio asinado coa AMTEGA deu comezo o pasado día 23 de
febreiro na Cidade da Cultura nunha xornada á que acudiu un cento de docentes,
prevéndose que esta iniciativa beneficie a medio milleiro de profesores.
O convenio insírese dentro dos obxectivos do CPEIG de lograr
a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da
información e das comunicacións, e a implicación dos cidadáns galegos na
utilización das novas tecnoloxías como factor xerador de novas capacidades, de
emprego e de desenvolvemento económico.
A formación dirixida aos docentes é preferentemente sobre
protección de datos de carácter persoal e capacitación para a introdución da
programación no currículo educativo. O material que se utiliza nestas xornadas
formativas e os relatores das mesmas son achegados polo CPEIG. Entre outros
documentos, cómpre destacar o uso da Guía LOPD.
Entre as temáticas formativas inclúense: servizo
de revisión e actualización continua da Guía LOPD, a raíz das novas consultas,
normativa e casuística expostas; cursos formativos de protección de datos e
cursos formativos en materia de programación.
As vindeiras citas nas que se desenvolverá este programa
serán o 29 de marzo na Coruña, o 31 de marzo en Pontevedra, o 6 de abril en
Lugo, o 7 de abril en Vigo, o 11 de abril en Ferrol e o 13 de abril en Ourense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario