martes, 22 de marzo de 2016

Pola Universidade Pública

Vivimos tempos duros para a Universidade.
Non é casual que nos últimos 10 anos as universidades galegas perderan un 25% do estudantado. A presión exercida mediante taxas, desaparición e descenso de bolsas, caída xeralizada das rendas da maioría da poboación e un deterioro do límite de prazas imposibilitan que hoxe en día moita xente poida acceder a estudos superiores.
Ao mesmo tempo, dende o ano 2010 desapareceu aproximadamente un 10% do profesorado. É dicir, quédanos unha Universidade máis pequena, con menor capacidade para a investigación e unha menor calidade de docencia. Ao mesmo tempo, o avellentamento é escandaloso: nas tres universidades galegas contamos con 35 profesores menores de 30 anos, é dicir, un 0’6% do total. Que opcións de futuro temos quen aspiramos a realizar carreira investigadora?
En lugar de contratar profesorado, a solución que se propón é perversa: graos de 3 anos, polo que o profesorado necesario será menor. Descenso de calidade nos plans de estudos, o que leva a ter que estudar un master ás persoas graduadas. Un master onde as taxas son máis caras e, curiosamente, existe un importante nicho de negocio para entidades privadas.
E a que se debe todo isto? A un programa de desmantelamento da Universidade pública tal e como a coñecemos, que vai moito máis alá da crise económica. Despois de reducir os orzamentos universitarios un 20% durante o seu goberno, Feijoo acaba de asinar cos Reitores un insultante plan de financiamento que condena ás Universidades á ultrapecariedade cando menos até o ano 2020.
Trátase de mudar o paradigma do ensino como dereito para transformalo no ensino como negocio. Non é casual que o goberno Feijoo facilite a implantación de universidades privadas en Galiza
Unha Universidade pública precaria ten outra consecuencia: viabiliza a existencia de Universidades privadas. Aquí está a clave desta situación, trátase de mudar o paradigma do ensino como dereito para transformalo no ensino como negocio. Non é casual que o goberno Feijoo facilite a implantación de universidades privadas en Galiza, como ben nos explicou Praza Pública.
Así, o futuro da Universidade estará baseado no maior papel das universidades privadas, cunha universidade pública devaluada e que empregue os seus recursos para intereses privados. Como é posible que aceptemos que os presidentes dos Consellos Sociais (o órgano último de decisión das Universidades) estean conformados e mesmo presididos por grandes empresarios? Que o Presidente do Consello Social da UNED sexa César Alierta, Presidente de Telefónica, é indicativo da Universidade que temos. En Galiza tamén temos exemplos: o presidente do Consello Social da USC é tamén o Presidente do Banco Pastor.
Chegamos a un punto no que xa non se trata de reivindicacións sectoriais ou parciais: estamos vivindo un ataque frontal ao conxunto do Ensino Superior
Escribía Arturo Casas, un profesor ao que teño moito aprecio despois de convivir con el no Consello de Goberno da USC, sobre o problema para a obtención de cátedras. Chegamos a un punto no que xa non se trata de reivindicacións sectoriais ou parciais: estamos vivindo un ataque frontal ao conxunto do Ensino Superior que afecta a todos os estamentos, e é preciso defendelo colectivamente.
Por iso é tan importante apoiar a quen hoxe en día decide plantar cara a esta situación e defender a Universidade que queremos, como nos amosan as facultades de Maxisterio ou Filosofía na USC, con peches durante as últimas 4 semanas precisamente para loitar contra a precarización á que nos vemos sometidos.
A semana pasada despedía a un bo amigo que marchaba a traballar a unha universidade no Ecuador por falta de oportunidades no Sistema Universitario Galego. Se as cousas non mudan, eles terán difícil volver, e outros teremos que seguilos. Agardemos que non sexa así.
Adrián Dios Vicente (Serra de Outes, 1989) é membro do Claustro e do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela polo Terceiro Ciclo.

Adrián Dios

Ningún comentario:

Publicar un comentario