Trátase non só de pór en valor as árbores como habitantes da cidade senón de dar tamén a coñecer unha parte importante da biodiversidade dos parques de Compostela, en concreto a Alameda, o Parque de Vista Alegre (Finca Simeón) e o Parque Eugenio Granell.
O día 21 haberá roteiros guiados simultáneos nos que poderá participar xente de calquera idade en tres quendas –10.00, 12.00 e 16.30 horas– de unha hora e media de duración. En cada un deles o guía informará sobre as funcións máis salientables dos parques na cidade e farase entrega dun plano no que se destacarán as árbores máis interesantes. Os participantes deberán facer reserva previa, aínda que se admitirá a quen chegue ao mesmo parque no momento fixado para iniciar a actividade, sempre que o tamaño do grupo o permita.
Os roteiros para os centros de ensino organízanse segundo as idades. De 4 a 8 anos o conto de ‘Paco, o Carballo’ será o fío condutor da actividade na que o alumnado coñecerá a vida desta árbore, as súas partes (raíces, tronco, follas…) e finalmente sairán á procura doutras “amigas árbores” (a Señora Maceira, o Señor Castiñeiro…). O roteiro para nenos e nenas de 8 a 14 anos leva por título ‘Os segredos das nosas árbores’ e consistirá nun xogo de pistas arredor das árbores do parque.
A partir de 14 anos en adiante está prevista a actividade ‘Unha árbore, unha vida’ na que os rapaces e rapazas, divididos en pequenos grupos, terán que preparar unha ficha detallada dunha especie en particular.
O programa de actividades presentouse este mércores no Concello compostelán coa participación da directora do Museo, Mabel Fraga; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; a presidenta de Feitoría Verde, empresa que se encarga de xestionar o CIAC, Paula Lubián; e Luis Incera, de Ferrovial.

Pola súa banda, Ferrovial, empresa encargada do mantemento de xardíns e zonas verdes de Santiago, achega folletos, guías e a arborada que se vai plantar. Ademais, o persoal de xardinaría de Santiago colaborarán na plantación de árbores ao final das actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario