O grupo de Docencia e
Difusión da Microbioloxía da Sociedade
Española de Microbioloxía (SEM) vén de pór en marcha o que
sería o primeiro curso mundial en liña vía Twitter sobre
microbioloxía (sendo a dita Sociedade a primeira das súas
características que pon en marcha unha actividade formativa a través
da rede social). Dáse a circunstancia de que o curso terá
sobranceiros apoios galegos. Máis
polo miúdo os do Grupo de Innovación Docente en Microbioloxía da
Universidade de Santiago (MIKROBIOS) coordinado polo profesor Jesús
López Romalde. Na actividade participan xunto con outros 27
docentes e investigadores de 20 universidades e centros de
investigación.
O obxectivo é botar man das posibilidades
comunicativas de Twitter para acadar unha linguaxe concisa, certeira
e moi visual ao servizo da difusión de conceptos sobre
microbioloxía. Vai dirixido a estudantes de bacharelato, profesores
de secundaria, universitarios, profesionais das ciencias, xornalistas
científicos e público en xeral. As “clases” compoñeranse de
30-40 chíos con contidos, webs, ligazóns, novas, imaxes ou vídeos
sobre cuestións científicas relacionadas coa microbioloxía dunha
duración de arredor de 30 minutos que se enviarán a unha hora e día
da semana concretos. “Cada día tratarase un tema distinto”,
sinalan os impulsores da actividade, que lembran que se trata, no seu
conxunto, dun curso en liña masivo gratuíto (MOOC) que poderá
seguir calquera persoa a partir do 5 de abril (ata o 2 de xuño) con
conta en Twitter coa etiqueta #microMOOCSEM. As “clases”
enviaranse a través da conta de Twitter da SEM @SEMicrobiologia e
quedarán logo recollidas no enderezo storify.com/microMOOCSEM.
Ningún comentario:
Publicar un comentario