martes, 29 de marzo de 2016

Os María Casares: o teatro galego fai festa coas Irmandades da Fala na lembranza

Son moitos os acontecementos que van desembocar na gala de entrega dos María Casares, os premios do teatro galego. Sobre o escenario do Teatro Rosalía da Coruña entregarase a vixésima edición dos galardóns cando se cumpren vinte anos do falecemento da actriz que lles dá nome. Todo isto, no ano do centenario das Irmandades da Fala. Todas estas efemérides vanse combinar nun espectáculo que, conducido polo grupo Chévere, promete ser "un musical festivo".
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia presentou este luns xunto ás institucións que colaboran nos premios -a AGADIC, o Concello e a Deputación da Coruña- unha gala que, di o director de Chévere, Xesús Ron, vai recrear "o xeito propio do teatro musical". "A escena norteamericana ten como referente a Broadway e nós, en Galicia, usaremos o referente da Ultranoite, unha canteira de talento escénico" pola que xa pasaron "dúas xeracións de creadoras e creadores ao longo de máis de vinte anos".
Nove actores e actrices e mais cinco músicos serán os responsables de poñer en escena esta gala musical, cuxa escenografía, obra de Suso Montero, estará composta por "dous panos de fondo" que lembrarán a María Casares e ás Irmandades, así como "a outros elementos" que, din dende a organización, "serven para reivindicar unha identidade cultural propia e aberta ao mundo", que "constitúen unha ollada orgullosa ao pasado para afrontar con determinación o futuro do teatro, da lingua e da cultura galega".
A gala servirá para "reivindicar unha identidade cultural propia e aberta ao mundo"
Todas estas pezas comporán unha gala na que compiten catorce espectáculos encabezados por 'O principio de Arquímedes' (Teatro do Atlántico), 'Ensaio sobre a cegueira' (Sarabela Teatro) e 'Presidente' (Teatro do Morcego). Segundo o presidente da AAAG, Vicente Mohedano, cómpre resaltar a "gran calidade" das montaxes que compiten, produción que "demostran a calidade artística das compañías e dos profeisonais dun sector que, malia á crise -di- segue a traballar por un teatro de calidade". A gala, di Mohedano, serve tamén para conmemorar o trixésimo aniversario da asociación e nela "quixemos que nos acompañase Chévere, cuxa pegada no sistema cultural galego é innegable".
Catorce espectáculos encabezados por 'O principio de Arquímedes', 'Ensaio sobre a cegueira' e 'Presidente' compiten polos María Casares
Co reto de "darlle visibilidade e prestixio á nosa actividade teatral", a organización afronta unha gala que por primeira vez será retransmitida ao vivo en streaming pola web da TVG, que tamén ofrecerá a gala en diferido pola G2. Durante a entrega de premios entregarase o Premio de Honra Marisa Soto, que desta volta recae na Revista Galega de Teatro, e será lido o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, que nesta ocasión vai a cargo da xornalista Montse Dopico.
Alén da propia gala a AAAG lembra tamén as actividades paralelas que, nas vindeiras semanas, difundirán a figura de María Casares. Así, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGA) acollerá unha sesión de homenaxe cun coloquio presentado pola actriz Mabel Rivera e moderado polo escritor e xornalista Alberto Ramos no que o historiador do cinema José Luis Castro de Paz e a investigadora Sabela Hermida abordarán a figura da actriz. Tras o faladoiro proxectarase Lens enfants du paradise (Marcel Carné), protagonizada por María Casares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario