mércores, 16 de marzo de 2016

A AMTEGA convoca preto de 500 prazas para os exames de certificación de competencias dixitais en ofimática

A AMTEGA convoca preto de 500 prazas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX), que segundo publican hoxe no DOG, está orientada a persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.
A inscrición poderá realizarse dende mañá a través de web da Rede CeMIT sendo o único requisito o de ser usuario da rede CeMIT. No caso de que existan máis solicitantes que prazas convocadas, realizarase un sorteo alfabético entre as persoas inscritas para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula.
As probas celebraranse os días 27, 28 e 29 de abril en diversas quendas de mañá e tarde que nesta ocasión vanse a celebrar nas aulas CeMIT dos seguintes 31 concellos: Ames, O Barco, Barreiros, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Celanova, A Coruña- Eiris, Cuntis, A Estrada, Fisterra, Fonsagrada, A Guarda, Lalín, Marín, Monforte de Lemos, Narón, Oroso, Ortigueira, Ourense, Pontedeume, As Pontes, Pontevedra, Ribeira, Santa Comba, Santiago Compostela, Sarria, Tomiño, Valga, Vigo e Xunqueira Ambía.
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
- Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
- Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
- Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2016, que terá a súa continuación no segundo semestre (a partir do mes de setembro) coa convocatoria dun novo curso de teleformación titorizada e unha nova convocatoria de probas presenciais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario