xoves, 31 de marzo de 2016

O proxecto Ágora-Tecnoloxía estrea portal

Os responsábeis do proxecto Ágora-Tecnoloxía, do que falamos onte para informar das súas sete actividades formativas TIC desenvolvidas nos nosos campus (destinadas a achegar aos nosos maiores ás principais ferramentas, servizos e dispositivos), veñen de pór en marcha portal específico do programa, canalsenior.es/agora-tecnologia. O obxectivo da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior é facer confluír, na devandita web, “todos os contidos, ferramentas, documentación e manuais que os estudantes sénior poidan precisar”. Segundo engaden, trátase “dunha plataforma en liña de difusión e formación na que se combinan modalidades tradicionais presenciais con modalidades dixitais”.
Búscase ao seu abeiro crear “un novo modelo de acceso ao coñecemento baseado na innovación e a aplicación de novas tecnoloxías co fin de potenciar a creación dun ecosistema do ensino que se erixa nun referente estatal”.
Neste portal, os participantes nas actividades formativas TIC para maiores de Ágora-Tecnoloxía poden concorrer nos cursos de xeito virtual ou documentarse directamente cos contidos almacenados dos obradoiros celebrados, amais de ter acceso aos “vídeo-cursos” subministrados pola Fundación Vodafone. A canle, ademais, ten a vantaxe de ser de utilidade tanto para os estudantes que estean inscritos nos programas para maiores das universidades galegas como para calquera internauta interesado nestas materias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario