luns, 7 de marzo de 2016

A bióloga Marilar Aleixandre chega á Academia Galega

A escritora e pioneira do galego nas ciencias ocupará a cadeira vacante de Xosé Neira Vilas.

Marilar Aleixandre foi Premio Xerais no 2001 pola súa novela ‘A teoría do caos’, un título que é toda unha declaración de principios sobre a vida e obra dunha escritora galega que defende a ciencia como cultura. Tamén na súa vida profesional como profesora de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago. E que tamén é unha pioneira no ensino de materias científicas en lingua galega, como contaba recentemente en entrevista para GCiencia.
O pleno da Real Academia Galega oficializou a proposta de Marilar Aleixandre para ocupar a vacante de Xosé Neira Vilas nesta institución tras o pasamento o pasado 27 de novembro do autor de ‘Memorias dun neno labrego’. Tras proclamarse a vacante de Neira Vilas o pasado 11 de decembro, deste plenario saíu o nome de Marilar Aleixandre, mentres que a votación sobre a súa candidatura terá lugar na vindeira sesión plenaria.
Ademais, nesta sesión foi declarada a vacante pola morte do escritor ourensán Xosé Fernández Ferreiro, falecido o 16 de decembro. As candidaturas de novos membros de número poden presentarse por escrito ata 24 horas antes do plenario posterior ao da proclamación de cada vacante e cada unha delas debe ir avalada pola firma de tres membros de número da Academia, segundo informa a RAG.
Gañou o Premio Xerais no 2001 coa súa novela ‘A teoría do caos’
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947 é escritora e catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela.
Como escritora, a súa obra está traducida ao portugués, castelán, catalán e vasco, mentres que foi recollida en antoloxías en inglés. Recibiu diversos premios por obras dos distintos xéneros que cultiva (poesía, narrativa de adultos, así como narrativa infantil e xuvenil) como polo conxunto da súa carreira.
Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua no ensino das ciencias. De feito, foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre ensino. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análises do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario